Xinzo reforza o seu apoio aos autónomos abrindo unha nova convocatoria de subvencións

Casa concello Xinzo
Xinzo reforza o seu apoio aos autónomos abrindo unha nova convocatoria de subvencións

- A presentación poderá realizarse de modo presencial ou telemático e a súa tramitación será exclusivamente electrónica

O Concello de Xinzo segue a demostrar o seu apoio aos autónomos cunha nova convocatoria de subvencións para estes traballadores que están a sufrir con máis crudeza as consecuencias económicas da pandemia. Deste xeito, anúnciase unha nova convocatoria de subvencións que poderán solicitar os profesionais adicados a actividades diferentes das que foron beneficiarias na anterior convocatoria, máis enfocada á hostalaría e o comercio, e que finzalizou deixando un remanente por importe de 54.200 euros. Esta é a cantidade que agora se destina ás novas axudas para as que a Xunta de Goberno aprobou as novas bases reguladoras.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas maiores de 18 anos que cumpran os seguintes requisitos: ser traballadores autónomos incluidos no réxime especial, figurando dados de alta no imposto de actividades económicas no Concello de Xinzo; exercer unha actividade económica con carácter empresarial, profesional ou por conta propia no municipio e ter recoñecido o cesamento ordinario ou extraodinario de actividade regulado no Real Decreto lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Contía idéntica

A subvención será idéntica na súa contía para todos os solicitantes. O importe da axuda determinarase unha vez pechado o prazo de presentación, dividindo o crédito orzamentario dispoñible entre o número de solicitudes con dereito á axuda que, en calquera caso, non poderá exceder de 300 euros por solicitante.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello ou en calquera dos lugares establecidos para tal fin de modo presencial ou telemático. Coa solicitude deberá achegarse un formulario que se porá a disposición dos interesados na web e na sede electrónica do Concello e a documentación esixida. A tramitación das axudas será exclusivamente electrónica e, deste modo, as notificacións que se practiquen no procedemento realizaranse de forma electrónica.

Entre as actividades ás que se destinan estas novas axudas están as que se levan a cabo nos talleres de mecánica en xeral, as instalacións electricas ou de fontanaría, os laboratorios fotográficos, a fabricación de queixo e manteiga ou as exportacións de mercadorías, entre outras.