Xinzo súmase a unha campaña de sensibilización veciñal para promover a compostaxe comunitaria

compostaxe
Xinzo súmase a unha campaña de sensibilización veciñal para promover a compostaxe comunitaria
Os técnicos visitan dese hoxe porta a porta as vivendas para dar a coñecer os pormenores do proxecto e as facilidades e vantaxes do uso dos composteiros

Anímaste a compostar?

Esta é o lema da campaña de sensibilización ambiental que vén de poñer en marcha a Deputación de Ourense no marco do proxecto piloto de compostaxe comunitaria e á que se suma o concello de Xinzo de Limia. A iniciativa, na que tamén colabora a Xunta de Galicia, está integrada no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea. Desenvolverase en dúas urbanizacións, sendo as localizacións elixidas A Devesa e o Polígono, no entorno da Praza de Galicia. Nestas zonas colocaranse as áreas de compostaxe que permitirán que os veciños e veciñas poidan depositar os restos orgánicos e biorresiduos xerados nos seus fogares.

Para que a campaña chegue ao maior número de cidadáns, nestes días o persoal ao servizo da Deputación de Ourense, técnicos da empresa Ancaria, visitarán porta a porta as vivendas existentes nas dúas urbanizacións para explicar os pormenores do proxecto e fomentar a adhesión dos interesados, explicando as vantaxes e facilidades que terán os participantes co uso deste tipo de composteiros.

A iniciativa contribuirá así a favorecer a economía circular e a procurar unha mellor solución para os residuos orgánicos xerados nos fogares, ao mesmo tempo que se evita o depósito de restos vexetais de podas nos contedores municipais ou na vía pública.