Xinzo volve apostar polo comercio local coa II edición da Feira do Comercio Prolimia

Xinzo volve apostar polo comercio local coa II edición da Feira do Comercio Prolimia
A Feira do Comercio Prolimia 2022 espera gran participación, "como a da anterior feira ou aínda mellor"

Onte, martes 16 de agosto, presentouse no salón de plenos da Casa Consistorial, a Feira do Comercio Prolimia 2022 baixo a expectativa dunha gran participación e asistencia, "como a da anterior feira ou aínda mellor" comentou a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama.

Á presentación asistiron tanto a alcaldesa Elvira Lama, como o concelleiro do Medio Rural, Amador Díaz, o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, a presidenta de Prolimia, Concha Conde, e Emma González, xerente do Inorde.

"Apostar polo noso comercio"

Elvira Lama deu paso a esta presentación explicando que a Feira do Comercio consolídase este ano dentro do programa de Xinzo, co apoio tanto do Concello coma do Inorde e da Xunta de Galicia. Ademais insiste en que este evento preséntase como un impulso importate para o comercio local.

Tamén, o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, asegurou que o Concello seguirá apoiando as iniciativas de Prolimia para apostar polo comercio local: “Nós escoitamos e colaboramos, incluso por riba das nosas posibilidades”.

Pola súa banda Amador Díaz, explica que a unión fai a forza e anima á directiva "para que a terceira e as seguintes edicións sexan tamén un éxito rotundo e nunha zona onde somos a despensa dos concellos do entorno”.

A este discuso de "todos a unha" súmase Concha Conde agradecendo a implicación deste ano e o apoio do Concello.

Así mesmo, este ano no stand de Prolimia van a estar representadas, ademais dos comerciantes, todas as asociacións que estean vinculadas á Limia.

Dende o Inorde, Emma González di que "esta feira pode ser moi útil non só polo número de ventas senón pola posta en escena dese comercio de proximidade e calidade". Así, explica que incluso se pode atraer a un público distinto xa que a feira dá visibilidade aos comercios de maneira moi próxima.