Xinzo está a piques de comezar coa súa feira

Feira do Comercio Prolimia 2022. Montaxe dos stands no Pavillón de Deportes de Xinzo de Limia.
Xinzo está a piques de comezar coa súa feira
Esta fin de semana, o día 27, coinciden dúas feiras en Xinzo, a Feira do Comercio Prolimia e a feira do mes.

A Feira do Comercio Prolimia comeza mañá coa súa programación. Esta feira inaugurarase ás 10:00 horas e contará con diversos talleres e actividades. Tras a súa inauguración espéranse tres xornadas de feira nas que o comercio local é o claro protagonista.

Ademais das xornadas da Feira do Comercio, do 26 ao 28 de agosto, celebraráse en Xinzo o día 27 a súa feira do mes. Así, esta fin de semana preséntase como a gran xornada de feira de Xinzo deste 2022.

Hoxe pola mañá comezaron os labores de montaxe dos distintos expositores que conformarán a Feira do Comercio no Pavillón de Deportes.

Programa da Feira do Comercio Prolimia

A súa inauguración terá lugar o venres 26 ás 10:00 horas. Tras a inauguración do venres, poderanse degustar produtos aportados polos negocios da comarca da Limia coa colaboración especial da Agrupación Musical da Limia.

Pola tarde, ás 18:00 horas deste primeiro día, haberá un taller de barro impartido por “Arte Arrebol”, e ás 20:00 un bingo con premios inmediatos (os cartóns para poder participar neste xogo conseguiranse nos stands que están na feira coas compras que se fagan). O peche será as 22:00 horas.

O sábado e o domingo, abrirase a feira ás 10:00 horas e polas mañás organizarase unha sesión vermouth con disco móbil que será sobre as 12:00 horas os dous días.

Por outra banda, as horas de peche destas xornadas serán o sábado ás 22:00 horas e o domingo ás 21:00 horas.

O domingo ás 20:30 horas, terá lugar o sorteo do Premio Final De Feira, que consistirá no sorteo dunha viaxe con tódolos gastos pagados.

Outros talleres e actividades

A parte destas actividades encaixadas na programación, tamén haberá outras como uns talleres de macramé impartidos por “Artesanía Rosa” durante os 3 días que dura a Feira.

Ademais haberá colchonetas para os máis pequenos á entrada do Recinto Feiral, celebrarase o Torneo de Minibasket Prolimia e realizarase unha actividade chamada “Descubre o Comercio”. Esta consistirá en ler os QR instalados no stand de Prolimia e completar o percorrido que toque respondendo ás preguntas para acadar uns agasallos que serán entregados inmediatamente.