Xinzoenflor, xa ten gañadores

concurso2
Xinzoenflor, xa ten gañadores

O certame, que pretende afianzar a colaboración entre a cidadanía e o Concello para coidar os espazos públicos, permitiu o envío das imaxes dos balcóns e xanelas por WhatsApp e por correo electrónico

O Concurso de Embelecemento de Balcóns e Xanelas Xinzoenflor xa ten gañadores. Nesta terceira edición a principal novidade foi a participación online e esta fórmula foi a escollida pola maioría dos veciños e veciñas que presentaron ao certame as súas creacións. Para favorecer a implicación veciñal e o labor do xurado, os participantes enviaron fotografías da ornamentación da súa vivenda por WhatsApp ou por correo electrónico. Contribuíron coas súas creacións a encher de vida o concello e os gañadores recibirán mañá os seus premios nun acto previsto para as 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial de Xinzo de Limia.

concurso4

Ao igual que en pasadas edicións establecéronse dúas categorías: Xinzo Vila e Xinzo Pobos, e dous premios para cada unha delas. Os galardoados recibirán vales de 100 euros para mercar nos comercios do municipio.

Premiar o esforzo da cidadanía por enfeitar a súa vivenda e crear un entorno agradable e saudable é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia que, a través da Concellería de Cultura, convocou a terceira edición do Concurso Xinzoenflor de embelecemento de balcóns e xanelas. Xinzoenflor pretende afianzar a colaboración entre a cidadanía e o Concello para coidar e mimar os espazos públicos.

concurso3(1)
concurso3(1)
concurso1

O xurado premiou o balcón ou xanela máis bela e, para iso, os participantes empregaron plantas vivas e elementos ornamentais visibles dende a rúa. Valorouse a orixinalidade e a creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía e deseño do conxunto e a laboriosidade.