Xornada de orientación laboral para menores de 30 anos na Limia

laboral
Xornada de orientación laboral para menores de 30 anos na Limia

Terá lugar o luns na aula CEMIT da Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Xinzo acolle unha charla informativa do Plan de Garantía Xuvenil da Xunta, dirixida a mozos de entre 16 e 29 anos. A inciativa contempla medidas como orientación laboral, prácticas non laborais en empresas e estímulos á contratación indefinida.laboral

Tamén pretende fomentar o emprendemento entre os máis novos. En canto ós contratos, os de tipo indefinido poderán recibir un estímulo do 100% do salario do empregado sempre e cando este se manteña en nómina dous anos. No caso dos temporais, subvencionarase o 50% ou 60% se son contratados con discapacidade ou con algún factor de exclusión social. Estes incentivos serán compatibles coas bonificacións das contratacións á Seguridade Social que contraten mozos inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil.

Sobre estes puntos e algún máis, darase conta nesta charla que terá lugar o luns na aula CEMIT da Casa da Cultura a partir das 16.30h.

O obxectivo é garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral para un sector moi castigado como é o dos máis novos. A última Enquisa de Poboación Activa (EPA), sinala que o paro xuvenil en Galicia medrou oito puntos dende o 2011, situándose no 29,6%. Así mesmo, dende a entrada en vigor da reforma laboral, o número de menores de 30 anos que emigrou en busca de traballo sitúase en 24.000 galegos e galegas.