A Xunta asina un manifesto cos concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras para restaurar, prever o abandono e poñer en valor os terreos fronte aos incendios

1
A Xunta asina un manifesto cos concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras para restaurar, prever o abandono e poñer en valor os terreos fronte aos incendios

Apela á responsabilidade política e social para frear este tipo de actos delituosos que supoñen, di, un atentado ecolóxico

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe cos alcaldes dos municipios de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras un manifesto co triplo compromiso de restaurar, prever o abandono e poñer en valor os terreos agrícolas e de monte fronte aos incendios forestais.

O mandatario galego visitou hoxe a zona danada polo lume, xa extinguido, que afectou os concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Trasmiras e Baltar; o incendio forestal de maior extensión rexistrado en Galicia este ano, que queimou 3.180 hectáreas e en cuxas tarefas de extinción participaron tres técnicos e 48 axentes, 94 brigadas e 12 brigadas helitransportadas, 45 motobombas e 8 pas, 19 medios aéreos e seis pelotóns da UME.

Recuperar o solo queimado
Sobre as actuacións que se van seguir para a recuperación dos terreos queimados, explicou que van encamiñadas a mellorar a planificación, a restauración dos solos e a loita contra a erosión. Así, sinalou que se identificarán e se cartografiarán os lugares con solos que presentan maior risco de erosión, en función da intensidade do lume e da pendente. E, de seguido, definiranse as técnicas correctoras que se van aplicar, prestando especial atención ás beiras dos regatos para evitar achegas de cinzas por arrastre pluvial.

Neste punto, o mandatario galego lembrou que en 2013 a Xunta destinou máis de 500.000 euros a estas tarefas en zonas de protección ambiental, e que se empregou a técnica do acolchado de palla en máis de 172 hectáreas en 10 localizacións diferentes.