A Xunta investirá 300.000 euros nunha campaña de promoción do consumo de tubérculo amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Esta iniciativa porase en marcha en vindeiras datas, tras a recollida do produto. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración da 4ª Feira Agraria da Limia Alimagro 2023, onde estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a produción certificada con esta IXP que, lembrou, supera anualmente os 6,2 millóns de quilos, cun valor económico estimado de máis de tres millóns de euros e preto de 700 hectáreas de superficie plantada. Recordou tamén que están amparados ata 90 produtores e 12 almacenistas.

Nesta liña, José González remarcou ademais o peso específico da pataca na dieta da poboación e o feito de que a gastronomía tradicional de Galicia non se entende sen este produto. Por estas e outras razóns, o conselleiro concluíu que o da pataca é un cultivo con futuro e que tamén teñen porvir as principais zonas de produción como A Limia. Neste sentido, o titular de Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta co cultivo de pataca nesta bisbarra ourensá e tamén coa propia comarca.