A Xunta inicia o proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento no Castelo da Pena

Visita ás obras do castelo de Pena
A Xunta inicia o proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento no Castelo da Pena

Os traballos adxudicados por máis de 200.000€ centraranse fundamentalmente na muralla exterior, unha das zonas menos visibles actualmente por mor da vexetación

A Xunta de Galicia inicia hoxe o proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento do Castelo da Pena, no concello de Xinzo de Limia. Trátase dunha actuación que conta cun investimento de máis de 200.000€ e que durante 9 meses se centrará fundamentalmente na muralla exterior, unha das zonas menos visibles na actualidade.

En concreto, a intervención que se pon hoxe en marcha consistirá na limpeza da muralla exterior do castelo que se sitúa nunha zona de forte pendente moi cuberta de vexetación e de restos de derrubes, o que dificulta a súa visualización por parte dos visitantes. Así, os técnicos traballarán para investigar e actualizar a documentación existente neste sitio, ademais de para deixar á vista unha parte importante que permita comprender e explicar o conxunto.

Tamén se actuará sobre o torreón acaroado á torre da homenaxe, de cara a rematar a súa escavación e conservación. Para isto, baleirarase o andar inferior por completo eliminando os recheos para documentar o pavimento.

Logo destes traballos, acondicionaranse os circuítos de visita ao sitio, de modo que se siga permitindo a correcta circulación dos visitantes ao redor da torre da homenaxe así como o ascenso á plataforma. Tamén se instalará unha nova sinalética que explique as características xerais do sitio e das diferentes estruturas conservadas co fin de facilitar un percorrido autoguiado.

Por último, para completar o proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia, habilitarase un código QR co que acceder a un vídeo que lles permita percorrer o interior da torre. Os resultados desta actuación, que está previsto que remate o vindeiro verán, divulgaranse entre a cidadanía mediante unha visita guiada.