A xuntanza da Real Academia Galega do vindeiro 17 de maio será en Xinzo
Así o anuncio Xavier Casares, irmán do homenaxeado pola Academia nas Letras Galegas 2017 e presidente da Fundación Carlos Casares nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia.
Velaquí un fragmento da entrevista realizada polo xornalista Xosé Manoel Rodríguez:
Que proxectos teñen previsto desenvolver?
Dende a fundación estamos moi centrados na organización dunha gran exposición sobre a figura, a obra e a traballo de Carlos. A nosa intención é que durante o ano percorra toda Galicia e logo quede instalada nun espazo determinado, que ben pode ser Ourense ou Xinzo de Limia. E logo haberá xornadas, encontros, conferencias e outras actividades para dar a coñecer eses aspectos dos que antes falaba: a proxección cultural, a dinamización, o espallar a imaxe de Galicia fóra e outras facetas.
Xinzo e a Limia xogaron un papel fundamental na súa vida e alí foi obxecto de varias homenaxes. Desenvolverán algunha actividade no pobo?
O acto central do Día das Letras Galegas. A xuntanza da Real Academia Galega do 17 de Maio vaise celebrar en Xinzo e a Limia será un punto clave nas homenaxes.
A última obra de Riveiro Coello fai unha homenaxe ao seu irmán, ao tempo que o converte nun dos protagonistas, e á Limia. Sen ela non se entendería a obra de Carlos Casares?
El naceu en Ourense pero aos catro anos marchou para Xinzo, onde o noso pai traballaba como mestre. Esa etapa foi moi importante para el e as vivencias daquel tempo serviron de material para a súa carreira literaria. O triángulo vital daquel tempo estivo marcado por Xinzo, Lamas e Sabucedo. Lamas era o pobo dos nosos avós e alí el, que era un gran escoitador, estaba nas tertulias que facía meu avó na lareira cos amigos que estiveran emigrados en Arxentina, Cuba e Venezuela e que contaban unhas historias fantásticas. En Sabucedo vivía un tío de miña nai que era médico republicano. E sabía moitas historias de maquis, porque atendía aos fuxidos cando eran feridos. E pola outra banda, xa en Ourense, está Beiro. Alí vivía un tío cura e a Carlos aquelas comidas e ceas de cregos, onde se contaban historias das súas parroquias e dos parroquianos, servíanlle de material para moitos textos e artigos.
Podes ver a entrevista completa nesta ligazón.