O proxecto da residencia de Trasmiras opta a 1,2 millóns de fondos europeos

O pleno aprobou por unanimidade a remisión do informe
O proxecto da residencia de Trasmiras opta a 1,2 millóns de fondos europeos

Este mércores, en pleno extraordinario, ratificouse a necesidade de remitir á Xunta de Galicia o informe sobre duplicidade e sostibilidade financeira, preceptivos para poder acudir aos fondos europeos.

Novo paso na consecución do ansiado proxecto da residencia de maiores de Trasmiras. O pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria e pola unanimidade dos grupos representados (Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego), vén de ratificar a necesidade de remitir á Xunta de Galicia os preceptivos informes sobre duplicidade e sostibilidade financeira das novas competencias para que a institución municipal poida optar á subvención de 1,2 millóns de euros do mecanismo de recuperación e resiliencia da UE.

Segundo explicou o rexedor, Emilio José Pazos, trátase dun requerimento ao que ten que contestar o Concello de Trasmiras logo de que o seu proxecto fose preseleccionado para optar aos fondos europeos.

Emilio José Pazos, na súa intervención
Emilio José Pazos, na súa intervención

O Concello de Trasmiras debe achegar ao departamento autonómico os necesarios informes que acrediten a viabilidade do proxecto e garantan que “este proxecto non lle vai a custar un euro de inversión aos veciños e veciñas de Trasmiras”, afirmou Pazos Ojea.

O proxecto de construción da residencia contempla un orzamento de 2,2 millóns de euros, dos cales 1,2 millóns serían financiados con fondos europeos e o resto, a repartir entre a Deputación de Ourense -que xa comprometera unha aportación-, Xunta de Galicia e a propia compañía adxudicataria da construción e explotación do servizo.

Pazos Ojea destacou que “para Trasmiras é unha moi boa nova que este proxecto fose preseleccionado para optar aos fondos europeos, que de ser aprobado, suporá ter a garantía de que irá adiante e permitirá que as veciñas e veciños do municipio teñan un servizo tan amplamente demandado”. O alcalde tamén apuntou, na sesión plenaria, que “este Grupo de goberno está para defender os intereses dos nosos administrados, e en todo momento se velará por que as condicións de acceso á futura residencia sexan nas condicións máis favorables para os solicitantes”.

Festivos locais

Na sesión extraordinaria deste mércores tamén se aprobaron por unaniminade dos días festivos locais de Trasmiras, que serán o 13 de febreiro (Martes de Entroido) e o 24 de xuño (San Xoan).