Sector gandeiro sí, pero protección ao medio ambiente tamén

Sector gandeiro sí, pero protección ao medio ambiente tamén
O actual goberno reuniuse con Coren e estes estiveron de acordo en abordar os problemas relacionados cos residuos contaminantes que xeran as granxas

Coa intención de dar explicacións con respecto á actual situación das augas da Comarca da Limia reuníronse a alcaldesa, Elvira Lama, o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz e o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel Pérez Campos.

O comezo do discurso da alcaldesa estivo marcado pola aclaración da actuación da plataforma Auga Limpa Xa ante colocación de mesas co obxectivo de recadar sinaturas durante a anterior feira, ''este grupo de goberno deu permiso para a instalación da mesa dunha plataforma na última feira por imperativo legal e conta cos informes preceptivos e favorables tanto da policía local como do departamento de Tesourería e Xurídico deste Concello. A liberdade de expresión é un dereito que ninguén debe conculcar''. Así mesmo resalta que o problema non reside na recollida de ditas sinaturas, senón ''na deixadez de funcións do partido popular durante os anos que gobernaron o Concello''.

IMG_20190829_110250Por outra banda, engade que actualmente xa se fixo o trasladado do acordo unánime do plenario ordinario do mes de agosto á consellería do Medio Rural para a convocatoria da mesa da Limia que con tanta urxencia pide Auga Limpa Xa, a pesar de que, ''a primeira e única convocatoria foi o pasado catro de abril de 2019 e xa pasaron cinco meses, polo tanto o único pasotismo que hai neste Concello é o do partido popular''. Asegura que dita convocatoria non lle corresponde ao GDR Limia- Arnoia, senón ao conselleiro do Medio Rural ''que foi quen a creou neste mesmo salón e de momento tanto conselleiro como o grupo municipal do partido popular son do mesmo partido político''. No tocante a convidar o resto dos concellos a adherise á moción para a defensa da mesa da Limia insiste en que, ''non hai ningún problema en remitirlla e que podan aprobala cada un dos concellos no seu pleno ou cando convoquen a súa sesión ordinaria, pero é un punto que ben se puido incluír se so houbera acordado na propia moción do grupo popular''.

Así mesmo, anuncian que se fará efectiva a publicación dos resultados das analíticas da auga de consumo humano na páxina web do concello. Sen embargo, ''non é esa auga a que está en cuestión e o sabe ben o partido popular; a problemática é outra e mentres estivo gobernando nos últimos 16 anos este Concello mirou cara outro lado, tendo todas as administracións da súa cor política para intentar solucionar este problema, todo o contrario que está a facer este grupo de goberno''. Nesta mesma liña afirma que o actual goberno estivo reunido cos directivos de Coren e estes non poñen ningún impedimento para abordar os problemas relacionados cos residuos contaminantes que xeran as granxas e convidan ao PP a que todos remen na mesma dirección, sobre todo na defensa do sector primario, pero tamén na defensa da calidade das augas.

De seguido o concelleiro do Medio Rural informa de que se está a traballar na creación dunha planta de compost para ''dar unha solución á problemática do estado das augas desta Comarca'' e dunha planta de residuos de plástico que, posiblemente, se ubique no Polígono Industrial para que o plástico poida ser reutilizado. Di que son conscientes de que a Comarca da Limia destaca por ter un importante sector agrícola, pero que tamén pretenden que o medio ambiente non se vexa afectado. ''Todos os problemas medioambientais que existan neste Concello serán abordados con celeridade''.