O secretario, a moza e a avogada

scale
O secretario, a moza e a avogada
O martes declararon no xulgado o ex funcionario municipal, e a parte dos tribunais que seleccionaron á parella do alcalde...

O martes declararon no xulgado o ex funcionario municipal, e a parte dos tribunais que seleccionaron á parella do alcalde e á filla de Prado Verdeal como traballadoras do Concello de Xinzo

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

O pasado martes declaraba no Xulgado do Contencioso- Administrativo número 1 de Ourense, Demetrio Martínez o ex secretario do Concello de Xinzo. No seu relato asegurou que o tribunal de selección dos traballadores públicos foi escollido, a partir de contactos coa Deputación, “polo alcalde e designado por decreto de Alcaldía”. Estes tribunais, dos que varios dos seus membros tamén foron interrogados hoxe, elixiron para postos de administrativa e avogada, á parella sentimental do alcalde, e a filla do ex delegado  de Medio Ambiente Agustín Prado Verdeal, respectivamente.

O sindicato CIG preséntase como acusación e solicita a nulidade destas dúas prazas. No bando do tribunal ninguén coñece os motivos polos que foron chamados para formalo. O que fora presidente, ademais de ex secretario da Delegación de Medio Ambiente, “baixo as ordes do pai da seleccionada”, segundo apuntou unha das avogadas da acusación, asegurou que el non ten nada que ver co Concello, e que seguramente o escolleron porque estivo “noutros tribunais como representante da Xunta”.

Pola súa parte Antonio Pérez asegurou en declaracións a Faro de Vigo, en alusión á contratación da súa parella, que: “ o meu estado civil é solteiro e non vou a falar sobre a miña vida privada”. Con respecto á suposta afinidade política dos membros do tribunal de selección de persoal o rexedor respondeu que “en Xinzo hai 2.500 afiliados ao PP das preto de 6.000 persoas que teñen dereito a voto”. Alegou que as oposicións foron “procesos libres, con 15 días para formular alegacións, e aos que se presentaron 20 ou 30 persoas”. Un proceso durante o cal asegura “ninguén presentou ningún tipo de alegación”, en contra da versión que defende a CIG.