Dende a Limia profunda.

xinzo dende o aire
Dende a Limia profunda.

Sei que a súa señoría non vai ler este artigo e vouno entender, pois escríboa dende a miña terra da Limia, profundamente orgullosa onde as haxa, coma tantas outras espalladas ó longo e ancho deste noso país. Por certo, non sei se saberá que o seu segundo apelido é unha fermosa palabra galega que entre outras cousas significa xeada, terra conxelada. Ata temos o verbo carazar, que quere dicir xear, caer xeada ou carazo. Por curiosidade, tamén sei que é o nome dun concello do interior de Burgos en plena Serra da Demanda, con pouco menos de cen habitantes.

Torre de PenaSemántica á parte, gustaríame que me explicase mellor o que vostede dixo nesa sentencia para xustificar a retirada da custodia dun neno de poucos meses á súa nai, residente en Torea, localidade pertencente á marabillosa vila de Muros. Porque, que eu saiba, nestes tempos que corren utilizar expresións coma esa que utilizou o único que amosa e un profundo descoñecemento da realidade actual na que vivimos. Nestes tempos nos que non hai distancias, nos que internet chega a calquera recuncho, nos que nos comunicamos con amizades e familia afastados de nós por medio mundo, vai vostede e recorre a unha expresión impropia de alguén que se supón, cando menos, informado.

Verá, señoría, non se é máis feliz por vivir en Madrid ou Marbella que por facelo en Muros ou en calquera poboación da miña bisbarra limiá. Ninguén é máis listo por vivir en Barcelona que por facelo en Vimianzo. Non, señoría, non hai lugares máis “apropiados” ca outros para criar un fillo. O feito de vivir no mundo rural non é “ningún lastre” e non prohibe “ser feliz”. Debería saber vostede que a felicidade non é patrimonio dun determinado lugar, a felicidade non está empadroada en ningures, mais ben pode estar por todas partes.

Voulle contar unha cousa.

Cando eu nacín nesta vila de Xinzo hai máis de cincuenta anos, non había sequera autovía, o traxecto a Ourense en coche ou no autobús do Villalón era pouco máis que un suplicio nas curvas de Allariz, non tiñamos aínda institutos de bacharelato ou de formación profesional. E do centro de saúde nin falamos. Son un fillo da emigración, como moitos da miña xeración, con pais emigrantes porque daquela, nunha España de branco e negro, as cousas non eran coma hoxe e había que emigrar. Crieime cos meus avós e os meus tíos namentres meus pais estiveron fóra. Entre todos souberon darme unha educación e de todos aprendín algo. Así pois, talvez eu si podo garantirlle que son un neno da época da Galicia profunda. Pero iso era nos anos sesenta, non hoxe. E voulle dicir outra cousa: non lle teño ningún trauma. Naquela época fun tremendamente feliz. Porque ser feliz, insisto, non depende do lugar no que se viva, depende do que teñas arredor. Con dous exemplos. O primeiro, meus pais, dos que podo dicirlle que emigrados en Alemaña viviron nunha cidade xa daquela moito máis grande que hoxe Marbella e non foron máis felices; a razón debería entendela vostede mesma, señoría. O segundo exemplo son as miñas amizades. Se lle pregunta a aquelas nenas e nenos que estudaron canda min nunha escola que se chamaba Nacional Graduada Mixta, teña vostede por certo que lle van dicir o mesmo que lle acabo de contar eu. Enredabamos con calquera cousa e tan contentos.

Síntome profundamente orgulloso das miñas raíces, dos meus avós, dos meus pais. Fun tan feliz en Xinzo, como puiden selo anos despois cando nos trasladamos a Vigo, a cidade máis grande de Galicia. Quere saber por que, señoría? Porque o que importaba non era o lugar, senón as persoas ó meu carón. E vostede, na miña modesta opinión, privou a un neno de estar coa súa nai, cando se pensase na felicidade do raparigo talvez debería facer o contrario, deixalo estar con ela, fose onde fose.

E con ser desa Limia profunda da que me sinto tan orgulloso, para rematar déixeme dicirlle que meus pais fixéronme sentir o neno máis feliz do mundo, déronme unha excelente educación, aprendéronme a poñerme no lugar dos demais e tamén a saber o que é o respecto.

Rafael Laso