Dúas hectáreas de escombros acumúlanse en Vilar de Barrio de maneira irregular

Dúas hectáreas de escombros acumúlanse en Vilar de Barrio de maneira irregular

O BNG pediulle ao alcalde que deteña o vertido que as obras do AVE realizan en Borrán

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

A apenas 100 das casas de Borrán, en Vilar de Barrio, levántase unha montaña de dúas hectáreas de superficie e máis de 25 metros de alto. Pero non é un novo accidente xeográfico, son os escombros dos túneles do AVE. Os restos do traballo da empresa UTE Dragadados-Tecsa que segundo o grupo municipal do BNG acumulan estes desperdicios sen licenza municipal e coa autorización autonómica para o depósito provisional de terras pendente de aprobación.

Os nacionalistas cualifican a situación de “atentado medioambiental que leva máis dun ano perturbando a paisaxe e constituíndo un problema de saúde para os veciños”. Por iso, anuncian que presentarán unha moción no próximo pleno do Concello na que solicitarán ao goberno municipal a “paralización inmediata” dos vertidos. Así coma que se inicie un expediente sancionador á empresa por efectuar o depósito de escombros sen autorización, ademais de esixirlle que devolva as dúas hectáreas ao seu estado primixenio.