XINZO ADIANTE ESIXE O ARRANXO URXENTE DOS VELORIOS DE MOSTEIRO E PARADA DE RIBEIRA
Xinzo adiante rexistrou no concello unha moción a tratar no vindeiro pleno, para que se arranxen urxentemente os velorios de Mosteiro e Parada de Ribeira e se revisen e subsanen todas as deficiencias que poida haber nos do resto de aldeas do noso municipio.
Os veciños de Mosteiro levan máis de dous anos solicitando ao concello –e, singularmente aos tres alcaldes de turno desta lexislatura- que se arranxe o teito do velorio, posto que está caendo. A resposta sempre foi a mesma: “estamos neso”. A realidade é que, pasados dous anos, o concello nada fixo para solventar esta situación e o deterioro do teito do velorio vai a máis. Os veciños incluso solicitaron presuposto para realizar o arranxo, pero o concello só lles pon trabas: nin actúa nin deixa facer. O arranxo deste velorio non chega nin aos 20.000 euros, polo que non comprendemos a demora na execución da obra e a deixadez do concello.
No caso do velorio de Parada de Ribeira, entra auga por un lateral do edificio, o que dificulta nos días de chuvia a finalidade para a que foi concibido. Neste caso trátase dunha obra de menos importe, que levan moito tempo demandando os veciños. Pero o concello tampouco actúa.
Ante esta situación, esiximos ao goberno municipal que lle dea inmediata solución a estes problemas. Para iso teñen no goberno un “flamante” concelleiro de obras a razón de 1900 euros mensuais de soldo, que chegou ao goberno como el dixo “para facer prosperar Xinzo”. De momento, prosperidade non se ve ningunha; se cadra o único que prosperou foi a súa conta bancaria grazas ao soldo que entre toda a cidadanía lle pagamos.