Seis equipos participarán no Memorial Toñito Maestro, que se celebrará esta fin de semana cunha nova modalidade de catro torneos
O Concello de Xinzo de Limia, a través da concellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, quere homenaxear a outro dos seus veciños máis queridos. Se hai un mes se celebrou o Memorial Eloy Conde que recordou ao exfutbolista e exentrenador, esta fin de semana marcouse no calendario para honrar a Toñito Maestro. Será o sábado e o domingo no complexo deportivo de A Moreira.
Os torneos disputaranse sobre as categorías benxamín e alevín e, ao mesmo tempo, celebraranse dous diferenciados en cada categoría (1º e 2º ano). Participarán un total de seis equipos (Ourense C.F., Pabellón C.F., Escolas Deportivas Barbadás, E.D.C. Xinzo de Limia, Unión Deportiva Ourense e R.C. Celta) e xogarán en dous grupos de tres equipos. Unha vez finalizada esta fase, enfrontaranse os dous primeiros nunhas semifinais, e os terceiros xogarán polo cuarto e quinto posto.
As regras do xogo serán as que rexen na Federación Galega de Fútbol e as únicas normas que se imporán a parte no regulamento son que a duración dos partidos será, na fase de grupos, un só tempo de 25 minutos. Na fase de clasificación ascenderá a media hora e nas finais dous tempos de 20 minutos. Lanzaranse penaltis, se fora necesario, ao remate de cada partido.