Arturo Baltar visto polo xornalista Antón Lopo

Presentación do libro \“Arturo Baltar\”.
Arturo Baltar visto polo xornalista Antón Lopo

A Deputación contribúe a redescubrir a figura e a obra do escultor Arturo Baltar coa edición dun libro do escritor e xornalista Antón Lopo

A Deputación de Ourense vén de publicar o libro titulado Arturo Baltar, do escritor e xornalista Antón Lopo, que permite redescubrir a figura e obra do escultor ourensán “nunha publicación de luxo sobre un dos xigantes da nosa cultura”, afirmou esta mañá o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a presentación no Pazo Provincial deste volume e na compaña do seu autor.

Calquera momento é importante para “reivindicar o legado, compromiso, traxectoria, obra e identificación con Ourense do artista”, asegurou Manuel Baltar, que fixo un recoñecemento explícito do traballo de Antón Lopo por contribuír con este libro “a manter unha homenaxe permanente ao escultor”.

O presidente do goberno provincial vinculou a edición do volume á entrega, onte, do título de Fillo Adoptivo da provincia a outro destacado escultor ourensán, Manuel Buciños. Neste sentido, Manuel Baltar anunciou que o artista, co apoio da Deputación, comprometeuse a recuperar a única escultura de Arturo Baltar situada nun espazo público, o parque Miño de Ourense, onde fora instalada a finais dos anos 90 e que cuxo orixinal, fundido polo propio Buciños, permanece en paradoiro descoñecido logo de ser subtraído do seu emprazamento. Unha gran oportunidade para “devolvela ao seu sitio e que siga tendo a presenza que nunca debeu perder”, remarcou o presidente da Deputación.