Rúas con historia. A rúa Constitución

Praza Maior esquina Luís Usera( Hoxe Constitución) sobre 1920
Rúas con historia. A rúa Constitución
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO A foto que vai co artigo, é dunha procesión de Corpus na rúa Luís de Usera- Praza Maior,...
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

A foto que vai co artigo, é dunha procesión de Corpus na rúa Luís de Usera- Praza Maior, aproximadamente do ano 1920. Na foto cómpre destacar a casa con corredor que fai esquina á Praza Maior, nesta casa viviu, en 1825, o correxedor da xurisdición de Xinzo, Julián Toubes, segundo contrato de arrendo que figura no meu libro: “Historia de Xinzo de Limia”. O escudo existente no edificio actual, mutilado por unha galería superposta, procede seguramente da antiga casa.

O nome desta rúa ten historia: O máis antigo coñecido é o de Camiño Real, despois rúa da Paz; nos anos 20, Luís de Usera Bugallal, e  recen instaurada a República rúa de Alcalá Zamora. Durante a ditadura franquista recuperou novamente o nome de Luis Usera, non é ata a democracia cando se lle muda o nome polo actual de rúa da Constitución.

Este político no ano 1919, e polo distrito de Xinzo, preséntase como deputado “cunero”, polo Partido Conservador, e como independente, Lepoldo Barón y Torres, Marqués del Águila, este último e para gañar as eleccións financia o xornal “El Agrario”, do que saíu soamente un número. A elección estaba amañada pois, despois dunha visita que lle fixera Lacierva a Dato en Madrid, acordaran compracer ós amigos de Bugallal, e os mauristas retiran os seus candidatos en Xinzo para facilitar a elección do candidato conservador. O marqués preséntase entón como independente, xa que contaba en Xinzo co apoio dos mauristas, liberais e demais elementos non afectos aos conservadores. O primeiro de xuño de 1919, o Marqués del Águila, gaña as eleccións, nas que obtén unha diferenza de máis de 400 votos sobre Luís de Usera, noticia que publica o xornal “Juventud”. A realidade foi outra, pois non se proclamou oficialmente. Días despois, e na Xunta Electoral Provincial de Ourense, Luís de Usera Bugallal é proclamado deputado nas Cortes polo distrito de Xinzo.

Volve gañar as eleccións do ano 1923 máis facilmente. No xornal “El Látigo” número 7, do 8 de maio de 1923, publícase a crónica“Después de las elecciones. El escrutinio de Orense”, con noticia dos resultados das eleccións, ganadas por Luís Usera con 5.054 votos por 2 votos do seu contrincante, Lisardo González. No nº 11, de 5 de xuño de 1923, publícase a crónica: “Nuestro Diputado”, defensa de Luís Usera, artigo firmado por Luís Seijo.

Ao proclamarse a República en 1931, a comisión xestora do concello, presidida por Felisindo Carballo, nun dos primeiros acordos no mes de maio, decide por unanimidade que a rúa de Luís Usera Bugallal se denomine, no sucesivo, rúa de Alcalá Zamora, adquirindo a placa de mármore correspondente que se coloca no lugar da do cacique Usera Bugallal.

Nesta rúa estaban as oficinas do concello, instaladas en local arrendado na casa da familia Villarino de Saa, un vello caserón que sobresaía da liña da rúa e que foi recuado e reconstruído fai poucos anos. O día 16 do mes de xaneiro de 1932, o concello deixou este local,  para a instalación dunha nova escola, e trasládase definitivamente a planta alta da casa alugada a Elvira Nieto, sita na estrada de Baronzás, no actual emprazamento do concello.

Luís Usera inda o intenta de novo en 1936, preséntase a deputado ao congreso, pola provincia de Ourense, polo conservador Partido Republicano Radical, non saíndo elixido, inda que en Xinzo e comarca tivo bastantes votos.

Nos anos 50 foi presidente do Real Madrid. Como anécdota contarei que no ano 1971/72, pasou por Xinzo o presidente do Banco Hispano Americano, visitou a sucursal de Xinzo e pediu ver a rúa dedicada a seu pai, o presidente do banco chamábase: Luis Usera. Na actualidade esta rúa leva o nome de rúa CONSTITUCIÓN, popularmente máis coñecida como “rúa dos viños”. Desta vez esperemos que o nome sexa o definitivo.