Xinzo Adiante quere saber a incidencia do cancro no noso concello
Solicita que a Xunta faga un estudo específico sobre as causas, do que segundo din eles, afecta mais ao noso concello
Xinzo Adiante vén de rexistrar unha moción para elevala ao seguinte Pleno ordinario, instando á Xunta de Galicia a realizar un estudo sobre a incidencia do cancro na nosa comarca e as causas que o provocan e a adopción de medidas preventivas para paliar a especial incidencia desta enfermidade na Limia, en xeral, e no noso concello en particular.
Desde Xinzo Adiante consideramos que sería moi positivo que se fixese un estudo de cales son os axentes que provocan esta enfermidade, que afecta a moitas persoas na nosa comarca. Coñecendo as causas e axentes que a provocan e adoptando as medidas preventivas necesarias, poderíanse reducir considerablemente os casos desta enfermidade, así como as consecuencias da mesma ás persoas que a sofren.
Evidentemente, a realización dese estudo e a adopción de medidas preventivas son competencias que transcenden o ámbito municipal. Pero o Pleno do Concello si ten a capacidade de instar a Xunta de Galicia a realizar as actuacións que propoñemos.
Por iso, solicitamos ao grupo de goberno e ao resto de grupos da oposición que apoien a moción que presentamos por varios motivos: é unha cuestión de saúde, non de ideoloxía, que afecta ás persoas con independencia das súas ideas; non supón ningún gasto engadido para os orzamentos municipais; e é responsabilidade das distintas administracións e forzas políticas velar pola saúde da cidadanía e adoptar as medidas preventivas axeitadas para protexer as persoas.