A Carreira Popular de Xinzo de Limia 2016 vaise celebrar no mes de abril
As inscricións poden facerse ata o 31 de marzo
Un ano máis o Concello organiza a Carreira Popular de Xinzo de Limia. A cita deportiva terá lugar o vindeiro domingo 3 de abril e as inscricións permanecerán abertas ata o 31 de marzo.
A xornada dará comezo ás 10.30h da mañá coa saída dos e das participantes na carreira infantil-cadete con 2.500m. De seguido irán o resto de carreiras, ás 10.55h a benxamín-alevín (1.500m), ás 11.15h a absoluta e relevos (10.000m), ás 12.30 a prebenxamín (350m) e ás 12.40h a carreira pitufos (150m).
Tanto a saída como a meta das probas terá lugar no pavillón de deportes de Xinzo de Limia.
O Concello organiza este evento deportivo e conta coa colaboración de Limiactiva e a Federación Galega de Atletismo. Tamén estarán presentes membros de Protección Civil e organismos competentes para proceder a regular o tráfico.
As anotacións nas diversas probas poden facerse no propio pavillón de deportes ou a través da páxina www.championchipnorte.com.