O BNG lamenta o caos organizativo do Concello na xornada do 25N

O BNG lamenta o caos organizativo do Concello na xornada do 25N

Desde o BNG de Xinzo vémonos na obriga de denunciar a falla de planificación e de consciencia de xénero amosadas polo Goberno do Partido Popular de Xinzo á hora de planificar os actos do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

Ramiro Rg. Portavoz do BNG en XinzoA nosa organización cre fundamental visibilizar o rexeitamento contra este grave problema social, a loita contra a súa normalización e pola eliminación de calquera expresión de machismo mediante un intenso e constante traballo de formación, fóra e dentro das institucións. O 17 de decembro de 1999 a ONU chamou a gobernos e organizacións non gobernamentais de todo o planeta a organizaren actividades dirixidas a sensibilizar a cidadanía respecto deste día. Moi pola contra, o PP optou por unha planificación que se viu reducida a unha andaina e uns petiscos de carácter “festivo” e pouco coherentes coa raiba que nos esperta coñecer que no que vai de ano xa son máis de 40 as mulleres asasinadas pola violencia machista no estado español.

É moi boa mostra da actitude do grupo de goberno neste senso que a concentración e lectura do manifesto incluídas na planificación municipal do 25N para as 12:30 na Praza Carlos Casares, únicas actividades que a priori poderían ser compatíbeis co carácter reivindicativo esixido pola data, foran inxustificabelmente retiradas do espazo público aberto e confinadas ao Salón de Actos da Casa da Cultura, mesmo malia solleira mañá da que desfrutamos na xornada.

O goberno municipal baleirou máis unha vez de contido e sentido o 25 de Novembro no fondo e nas formas, deturpando o seu significado e non prestándolle a atención esixida. Así mesmo, cómpre sinalarmos a neglixencia na organización da propia andaina, desenvolvida nun percorrido no que se estaban a desenvolver actividades cinexéticas, nada menos que co paso das e dos participantes a carón das mesmas.