Presentada en Ourense a XIII Festa Popular de Baltar

Presentación da XIII Festa Popular de Baltar. Asisiten César Fernández Gil (Vicepresidente da Deputación Ourense), José Antonio Feijoo Alonso (Alcalde de Baltar), María Gemma Rodríguez Atanes e Laura López Lama (Organizadroas da Festa).
Presentada en Ourense a XIII Festa Popular de Baltar

A XIII Festa Popular de Baltar mestura a tradición e a cultura da raia co medio ambiente, a gastronomía, a vida saudable e o deporte

O Concello de Baltar, en colaboración coa Deputación de Ourense, celebra o próximo sábado, 5 de agosto, a XIII Festa Popular na que se mestura a tradición e a cultura da raia con actividades destinadas a fomentar a conservación do medio ambiente, a degustación de produtos locais, iniciativas para unha vida saudable e o deporte.

A cita festiva presentouse esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo; e as representantes da organización, Laura López e María Gema Rodríguez.

O programa, que se desenvolverá en horario de tarde, pretende entre os seus obxectivos lembrar que non hai fronteiras, de tal xeito que os asistentes poderán asistir a unha exhibición de folclore portugués. Ademais dunha ampla oferta de xogos populares, no apartado gastronómico haberá unha degustación de produtos da terra, acompañados de porco ó espeto.

20220806_184538
Campionato de futbolín , edición 2022

Na presente edición tamén se inclúe unha exposición do concurso medioambiental “Stop incendios”, no que participaron un cento de rapaces de entre tres e doce anos con debuxos relativos aos lumes forestais. E para o fomento de hábitos de vida saudables, a organización premiará a todas aquelas persoas que, de xeito voluntario, fagan un control de alcoholemia e dean negativo.

O deporte estará representado polo Campionato Galego de Parapente, proba que se celebra con carácter previo á competición nacional que tamén terá lugar na Serra do Larouco.