Xinzo terá catro días de festa adicadas a Sta. Mariña
As Festas de Santa Mariña, organizadas polo Concello e a Comisión do Entroido, durarán dende o sábado 15 ata o martes 18 de xullo. A programación das Festas Patronais é ampla e variada, co principal obxectivo de favorecer a participación cidadá, atendendo ás demandas musicais e culturais da veciñanza.

No día de hoxe, o alcalde Amador Díaz, acompañado do concelleiro de festexos, Ricardo Sieiro, e a representante da Comisión das Festas, Adriana Jiménez; presentaron ó público tódolos detalles e o programa das Festas de Santa Mariña 2023. O máis destacado é a creación dun novo festival que contará cun espazo independente adicado a artistas de gran sona a nivel internacional, coma por exemplo o cantante canario Dasoul. Será a I edición do “Lost in Antioquía Festival” e terá lugar o domingo 16 a partires das 19.00 horas. Os DJs locais Pablo Marques e Pablo Seguín son parte do amplo repertorio de actuacións previstas para o festival, así como André Vázquez, representando a Groove Amigos logo de ter participado en grandes eventos nas últimas datas, como son por exemplo o Ministry of Sound de Londres ou o Son do Camiño de Santiago de Compostela.

Tamén se destaca a actuación de Mondra, un referente de actualidade no tocante ó folclore galego, así coma o grupo local En Mala Hora e os diversos espazos pensados para as nenas e nenos do Concello, con espectáculos de maxia e música infantil.
Por último, o día grande de Xinzo, o martes 18, sairán de novo ás rúas os Xigantes e Cabezudos para o disfrute da veciñanza co obxectivo de conseguir recuperar definitivamente esta tradición.
Amador Díaz quixo aproveitar a ocasión para agradecerlle á comision de festas, o “traballo incansable e desinteresado por sacar adiante iniciativas que benefician a todo o pobo”.
Pola súa banda, Ricardo Sieiro animou a toda a veciñanza a participar das festas e tamén a colaborar activamente no debate de ideas. En palabras do concelleiro, “consideramos fundamental a participación cidadá nos aspectos do Concello, máis se cabe no referente ó eido dos festexos”.