CENTAUROS DA POLITICA
Na mitoloxía grega, un Centauro é unha criatura con cabeza, brazos e torso dunha persoa, e corpo e patas dun cabalo, procedente da unión entre un humano, que semellante borracheira debía levar ese día para confundir a alcoba onde repousaba a súa esposa, coa cuadra das eguas coas que se cruzou. É dicir, un híbrido de dúas especies encadradas en diferentes árbores filoxenéticos Darwinianos, e por tanto de incompatibilidade case total.
E dito isto, e por unha asociación de ideas, de non sei que procedencia, dicir que este sábado constituíuse un novo goberno municipal na nosa vila.
Algúns partidos políticos saturáronnos, referíndose ao goberno central da actual lexislatura, co mantra, infinitamente repetido, de "goberno Frankenstein".
Aquí, e só a título informativo, dicir que fan referencia ao libro de Mary Shelley, no que narra a historia do Dr. Víctor Frankenstein, no que crea un corpo a partir da unión de diferentes partes de cadáveres humanos, é dicir, de partes xenéticamente compatibles.
Con iso quero dicir que, aínda sendo utilizado sempre en ton pexorativo, o tan repetido "goberno Frankenstein", polo menos, estaba composto de partes da mesma especie, neste caso das diferentes, e á verdade, non sempre unidas, esquerdas deste país, e que, en xeral, tanto estorban ás dereitas.
Pero creo que non é o caso do novo goberno municipal do noso (do de todos) Xinzo, no que se compuxo un ser (goberno) con partes que, a priori, non son, ou non parecían, da mesma especie.
Por unha banda, a dereita de toda a vida, suficiente e largamente coñecida no concello, na comarca, na provincia e na comunidade, e por outra, un partido, teoricamente veciñal, cos seus principais representantes provenientes, non fai tanto, de diferentes formacións da esquerda progresista e nacionalista, que por non se sabe ben que razóns, nin con que argumentos, uníronse, creando un híbrido de dúas especies encadradas en diferentes árbores filoxenéticos Darwinianos (politicamente falando), para que o pequeno da nova familia sexa quen mande.
O pequeno da familia, que como cando están a piques de chegar os Reis Magos, fixo un discurso no que dicía que só ía pactar coa xente dos pobos, que, de xeito meritorio e salvo pequenos lapsos, era capaz de recitar de memoria, nun relatorio perfectamente aprendido e ensaiado, pero que ao final, resultou, canto menos, baleiro, se non falaz.
Falaz, porque a xente dos pobos do concello, nas urnas, faláronlle claro, e en todas as mesas electorais, dezaseis en total, se non erro, o irmán maior (ou, neste caso, poderíamos dicir o "Gran Irmán"), perdeu votantes, e polo tanto aceptación, co que o pacto cos pobos, se realmente se escoitase a voz das suas xentes, sería moi diferente.
Pero isto é a opinión dun tipo de aldea, que non é ninguén para dicirlle aos “políticos de casta” o que deben facer.
Así que, polo poder emanado das urnas (“O no!”, que diría un sempre recordado presidente de goberno pola súa "fluída e clara" oratoria), deséxolles a mellor das sortes, e dos acertos, a este novo "Goberno CENTAURO".
Odilo-Eligio