O Concurso infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares chega á sétima edición e repartirá case 2.000 euros en premios

Carlos Casares
O Concurso infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares chega á sétima edición e repartirá case 2.000 euros en premios
Poderán participar, ata o día 5 de maio, alumnos e alumnas dende Infantil ata Bacharelato cun relato redactado en lingua galega, dándose a coñecer o fallo coincidindo co día Das Letras Galegas

Un ano máis, e xa van sete, o Concello de Xinzo de Limia convoca o Premio Literario Infantil e Xuvenil de Narración Curta Carlos Casares. O autor de obras tan coñecidas como “O galo de Antioquía” ou “A galiña azul” volverá a inspirar aos alumnos e alumnas que participen cos seus traballos. Tal e como se establece nas bases, que poden consultarse na páxina web de Concello, a temática dos traballos será libre, se ben deberán ser inéditos e redactados en lingua galega. Outorgaranse dous galardóns en cada unhas das categorías, case 2.000 euros en premios, consistentes en vales para mercar libros nas librarías da vila. As persoas premiadas deberán gastar estes vales antes do mes de decembro.

O interese dos escolares por participar neste certame foi aumentando nos últimos anos. Aqueles que desexen compartir o seu talento literario poderán presentarse a algunha das sete categorías: unha para os cursos de infantil; tres para os diferentes ciclos de primaria; dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato en adiante.

Co fin de facilitar a participación, os relatos poderán ser enviados ao enderezo de correo electrónico cultura@xinzo.gal, incluíndo o título da obra e os datos do autor cun teléfono ou mail de contacto. Os traballos tamén poderán ser entregados en formato físico na Casa da Cultura ou nos centros escolares. Neste caso deberán presentarse nun sobre grande no que figure por fóra tan só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno que conterá, así mesmo, o título da obra e os datos do autor. Serán nulos os traballos que leven á vista o nome. O prazo para participar remata o 5 de maio ás 14.00 horas.

Está previsto que o fallo do xurado, composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Lingua e Literatura e técnicos de Cultura e Educación do Concello, se faga público o 17 de maio. Cómpre destacar que as obras non serán devoltas e quedarán depositadas no arquivo municipal dos Premios Literarios Carlos Casares.