XINZO ADIANTE SOLICÍTA AO CONCELLO QUE ADECÚE OS PARQUES INFANTÍS Á NORMATIVA VIXENTE

Parque infantil POMBAL
XINZO ADIANTE SOLICÍTA AO CONCELLO QUE ADECÚE OS PARQUES INFANTÍS Á NORMATIVA VIXENTE

SOBRE TODO EN SEGURIDADE E LIMPEZA- E MELLORE O SEU MOBILIARIO E ENTORNO

Xinzo Adiante rexistrou hoxe mesmo unha moción para elevala ao vindeiro pleno ordinario, co obxecto de que o Concello proceda a adecuar os parques infantís á normativa vixente, introducindo melloras nas súas instalacións e asegure unha limpeza regular axeitada para este tipo de instalacións.

Xinzo de Limia dispón de varios parques destinados a que xoguen os nenos. Pero as condicións nas que algunhas destas instalacións se atopan son moi mellorables. Ademais, se botamos unha ollada á normativa europea e galega vixentes, poderemos comprobar que en materias como a sinalización, limpeza e seguridade non se cumpre co disposto na norma europea UNE-EN 1176-1:2009.

A isto hai que sumar que o estado de limpeza que xeralmente presentan é deficiente –pola escaseza de papeleiras, pouca regularidade na limpeza, falta de maior regularidade na desparasitación...-; que, contrariamente á lei, hai moitos cans que pasean, ben soltos ben acompañados, polo parque e realizan as súas necesidades na mesma area no que logo xogan os nenos, chegando ao punto de haber pulgas nalgúns parques que logo levan as crianzas para a casa; tampouco contamos con xogos infantís aos que lles dea a sombra, o que provoca que algúns xogos queimen e que só se poida gozar dos parques no verán a partir das seis ou sete da tarde –pois antes coa calor non se aguanta-; non hai pasos de peóns para acceder a algún parque –como é o caso do Galicia-, co que isto supón a nivel de seguridade; na fonte do parque da \“Devesa da Limia\” non hai auga; nalgúns parques en lugar de area hai grava que, cando esta se xunta co pavimento cementado, provoca esvaróns e caídas; xogos obsoletos; falta de información nos distintos xogos; falta de sinalización obrigatoria (centro de saúde máis próximo, teléfono de emerxencias e de reparacións, adecuación de cada xogo ao seu tramo de idade...), en suma, cuestións que se poden e deben arranxar e que non supoñen un gasto extraordinario.

Tema especial é o dos animais. Somos conscientes de que non poden, nin deben, nin é legal que paseen polo parque onde xogan os nenos. Pero tamén é certo que os cans non dispoñen dun lugar destinado para xogaren eles. Por iso, tamén na nosa moción propoñemos que se habilite un parque para que poidan xogar os cans, nalgún dos parques públicos nos que non hai instalacións de xogos infantís. Tampouco se trata dun gasto extraordinario.

En definitiva, temos moito que mellorar en materia de parques de xogos infantís e esperamos que, xa que todos somos conscientes de que os nenos/as son o noso máximo ben a coidar, o goberno local proceda a tomar en consideración o noso chamado para adecuarse á normativa e introducir as melloras propostas nesta moción.