O Entroido: Cara B

IMG_9607
O Entroido: Cara B
Ese lado da festa que menos persoas ven, e no que se mesturan os últimos trouleiros e os primeiros traballadores REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter:...

Ese lado da festa que menos persoas ven, e no que se mesturan os últimos trouleiros e os primeiros traballadores

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O Entroido deixounos onte, para volver dentro de 320 días. É sen ningunha dúbida a festa máis agardada por tódolos limiaos, novos e vellos, altos e baixos, todos, sen condición nin excepción. Un mes de troula continuada que deixa a un exhausto e sen voz, pero feliz e compracido de ter desfrutado dun Entroido máis.

Dicían desde o Concello, e coincidía moi boa parte dos veciños, en que o mellor Entroido é o de mañá, pois non hai multitudes, e os  “gags” interpretados polos que máis viven a festa aprécianse moito mellor. Hoxe, descubriremos non o Entroido de mañá senón o de mañanciña, aquel no que os seus protagonistas unen a noite co día, nun bucle sen fin de carallada e diversión. Aquel que cerra os garitos, coincide cos traballadores máis madrugadores e que soamente está ao alcance dos máis novos.

Cada mañá despois dos días grandes do Entroido limiao os operarios de limpeza do Concello e da hostalería, afánanse en borrar rapidamente a pegada dunha noite de esmorga, para que todo estea perfecto e así, seguir gozando da festa ao día seguinte. Estes anxos que por arte de maxia e moito esforzo, deixan a vila relucente, coinciden cos últimos festeiros, nun panorama pouco menos que simpático. Uns saúdan o día con escobas e mangueiras e outros con licor café e cervexa, ademais das máis que míticas demostracións de exaltación da amizade. Estes trouleiros “a todo gas”  resístense a marchar á cama a pesar de que algún veciño xa ven de volta co xornal do día, recén imprimidiño. O certo é que demostran un aguante ao alcance de moi poucos, e unha ganas tolas de vivir o Entroido a tope, porque no fondo un mes non chega a nada.

O certo é que todos, trouleiros máximos e afanosos traballadores son absolutamente necesarios. Sempre dentro do respecto claro, pero é que se algún dos dous faltase, o Entroido de Xinzo sería sen ningunha dúbida, diferente do que todos coñecemos.

Máis fotos do "outro" Entroido premendo aquí.