Reunión da Policía Local cos directores dos centros educativos de Xinzo

IES-Cidade-de-Antioquia
Reunión da Policía Local cos directores dos centros educativos de Xinzo

Falouse da participación dos centros no Día das Letras Galegas, do Día da Bici e da posible creación dun Consello Escolar Municipal.

A primeria hora da mañá de hoxe, os directores dos dous CEIP e os dous IES de Xinzo de Limia reuníronse co Xefe da Policía Local e con personal municipal do consistorio, para tratar diversos temas de interese para a cidadanía da capital da Limia e para a comunidade educativa.

Un dos temas tratados na xuntanza foi o relativo ao Acto Institucional programado para a mañá do Día das Letras Galegas. Antes do inicio do evento, un alumno ou alumna de cada un dos catro dentros educativos, lerá un pequeno texto dunha obra literaria de Carlos Casares, aínda por escoller.

Organizarase un novo Día da Bici, desta volta, con toda a comunidade educativa.

Así mesmo, na xuntanza, os directores dos centros trasladaron a súa intención de organizar un Día da Bici a comezos de xuño na capital da Limia. Os CEIP queren contar coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil para repetir esta actividade, que xa iniciaran o curso pasado cos nenos e nenas de Educación Infantil. Ese mesmo día, os IES queren que todos os mestres e alumnos dos dous centros fagan o percorrido de ida e volta ás clases en bicicleta, dende unha praza céntrica da vila –aínda por determinar–.

Crearase un Consello Escolar Municipal onde participen todos os actores.

Noutra orde de cousas, e por iniciativa do concelleiro de Cultura, Deportes, Educación, Festexos e Xuventude –Luis Miguel Gil–, falouse tamén da posibilidade de crear un Consello Escolar Municipal onde estean presentes todos as directivas dos centros educativos de Xinzo, ANPAS, membros de asociacións estudantís, concellerías pertinentes cos seus técnicos e mestres, Policia Local e todos aqueles colectivos que teñan un trato directo cos nosos menores. Terase unha primeira reunión a finais de xuño e dende aí estableceranse as bases desta nova iniciativa que todos os asistentes á reunión viron moi positiva.