A NINFA DO RÍO LETHES

A NINFA DO RÍO LETHES

Tempos convulsos os que nos tocaron vivir. A grave crise que nos está roendo os coiros dende hai anos mai-la política de austeridade e recortes que nos foi inxectada por vía intraveosa como remedio, produciu uns efectos adversos para a saúde socioeconómica do país.
rio LethesO proído orixinado por esta forte menciña na dermis do cidadán deu como resultado a ingobernabilidade do país, tra-los comicios que tiveron lugar o pasado 20-D.
- E agora, que?
É a miña pregunta e a de milleiros de cidadáns ante os resultados acadados que derivan nunha situación político-matemática dificil de resolver.
Tertuliáns, expertos e políticos levan días esparexendo fórmulas polos programas televisivos, tentando deviñar cal vai se-lo panorama político nos vindeiros catro anos.
Hoxe erguinme cedo e fun á beira do río Lethes, en percura da solución para este complicado enigma. A ninfa que o protexe coñece o noso pasado e con ese coñecemento da nosa historia foille moi doado devana-lo noso futuro e irme relatando o que vai ocorrer.
Darán comezo duras negociacións entre os dous grandes partidos, PP e PSOE, sen resultado inicial. Cidadáns tentará propicia-la formación de goberno tratando de evita-la repetición dos comicios, que o perxudicaría gravemente. Pola contra, Podemos enviou unha mensaxe de inflexibilidade nos seus plantexamentos máis radicais, pois novas eleccións favoreceríano e unha oposición dura, tamén.
O teatro negociador dará comezo, con mensaxes directas ou cifradas e escenificacións de achegamentos e rupturas. O PSOE representará a súa negativa á investidura de Rajoy para mante-la confianza e fidelidade dos seus votantes. Cidadáns absterase e Podemos votará en contra. As demais forzas minoritarias sentiranse iso, minoritarias.
Logo, a maquinaria pesada dos medios de comunicación porase en marcha para convencer á perplexa cidadanía de que os dous grandes partidos terán que asinar un gran pacto de estado para salva-lo país, culpando de tódolos males ó resto de formacións políticas. Ó mesmo tempo, Europa presionará para que isto ocorra.
O PP, forza máis votada, formará goberno en minoría co apoio de Cidadáns e abstención ou voto favorable do PSOE. A ninfa do río non me pode asegurar se nese novo goberno estará Mariano Rajoy como presidente.
Haberá catro anos de mandato moi suave, sen apenas actividade lexislativa. Aprobaranse algunhas normas de carácter populista e social para contentar ós cidadáns e dende Europa non se nos porán máis deberes.
Nas CCAA e cidades onde gobernen os novos partidos emerxentes, certos poderes económicos e mediáticos tratarán de afoga-la súa xestión e dará comezo unha gran campaña de desprestixio dirixida contra os seus dirixentes.
Logo de tres ou catro anos de lexislatura, os cidadáns estarán totalmente convencidos de teren sido salvados polo pacto dos dous grandes partidos. As novas formacións nacidas do descontento social desinflaranse e o bipartidismo, de novo, estará listo para gobernar o país outros vinte anos máis.
Non sei se lle dar credibilidade a este plantexamento futuro, ou non. Son cousas da ninfa do río Lethes, pero a verdade é que lle mirei fixamente para os ollos e paréceme que pode ter razón...

(Adolfo Fernández Dafonte)