ADEGAL DEFENDE A SIMBIOSE DA GANDEIRÍA E AGRICULTURA NA LIMIA COMO MOTOR ECONÓMICO E SOCIAL DA COMARCA

zocalo campo 01
ADEGAL DEFENDE A SIMBIOSE DA GANDEIRÍA E AGRICULTURA NA LIMIA COMO MOTOR ECONÓMICO E SOCIAL DA COMARCA

Despois da acusación aos pataqueiros da Limia do estado das augas do encoro dás Conchas

O sector agrícola, gandeiro e empresarial da Limia unen os seus esforzos en ADEGAL, cuxo fin primordial é o de dar a coñecer a importancia social e económica que o sector primario, a agroindustria e o sector servizos teñen na Limia.

Indubidablemente, as explotacións da comarca da Limia caracterízanse pola súa profesionalidade e trazabilidade, facendo uso das últimas tecnoloxías e técnicas de cultivo, optimizando os recursos dos que dispoñen en beneficio da calidade das producións e do respecto ó medio ambiente.

A demanda de terras de cultivos é crecente na Limia, caracterizada por un elevado número de incorporacións de xoves ó sector agrario, fixando poboación no rural, nunha comarca que goza dunha superficie agraria útil do 60%, unha cifra moi superior ó resto de Galicia.

Por tanto, é crecente a necesidade de implantación de novos cultivos cos que xa se está en experimentación en I+D+I, ligados sempre a dispoñibilidade de nutrientes, auga e a consecución da modernización das infraestruturas de regadío.

Por outra banda, a cabana gandeira asentada na zona, líder en Europa no menor uso de medicamentos e antibióticos, garante a profesionalidade, así como unha sanidade óptima, con formación en benestar animal e o uso responsable das medidas de bioseguridade, etc., o que aporta o equilibrio e o crecemento da agricultura, cerrándose o ciclo co uso dos abonos orgánicos, facendo sostible o uso da nosa terra en produción.

Dende Adegal, atendendo á súa labor formativa, nos próximos meses informará os colectivos representados, o agrícola, o gandeiro e o empresarial, en colaboración coas Administracións, da lexislación vixente pola que se regulan as actividades que se desenvolven así como as recomendacións do Código Galego de Boas Prácticas Agrícolas.

Trátase de aunar esforzos na mesma dirección e en perfecta simbiose, garantíndose a viabilidade de numerosas explotacións agrícolas e gandeiras que son o motor fundamental da comarca e un referente en manexo e produción en Galicia.

Somos conscientes de que a mellor defensa do noso medio ambiente é a que de forma sostible fan os nosos agricultores e gandeiros, porque xeran riqueza e crean un futuro para as seguintes xeracións. A actividade de abonado orgánico que realiza o agricultor é necesaria para que a nosa comarca sexa fértil e produtiva. Engádese a isto o aproveitamento da gandeiría local. Debemos aproveitar os nosos recursos mais próximos. Ó mesmo tempo, debemos promover o compromiso de realizar estas actividades mellorando as prácticas agrícolas.

Sen dúbida, A Limia afronta numerosos e ambiciosos proxectos, intrínsecos ó seu propio potencial e nos que o reto final reside na consecución do peche do ciclo de produción, transformación e comercialización, nos que ADEGAL ten un papel fundamental como impulsor principal ,creando sinerxias entre os distintos colectivos para recuperar a imaxe real da Limia, unha comarca produtiva capaz de conservar o medio do que dispón.