“Non hai natalidade nin traballo, e aí está a cuestión do medio rural galego”- Aquilino Valencia

aquilino valencia 2JPG
“Non hai natalidade nin traballo, e aí está a cuestión do medio rural galego”- Aquilino Valencia

Falamos co alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, quen asegura non poder realizar grandes proxectos debido fundamentalmente ás dificultades económicas e á falta de apoio institucional.

Que proxectos levan realizados nestes primeiros seis meses de mandato?

Aquilino Valencia: Os proxectos de Calvo de Randín son máis ou menos pequenos, moi pequenos desgraciadamente. Co devir que hai gardado para todos estes concellos pequenos e rurais, non podemos ter grandes proxectos tampouco, máis que intentar manter unha situación o máis confortable posible para os veciños en canto ao mantemento de instalacións e demais. Tamén intentar facer algunha cousiña que en Calvo non temos, como é a residencia de maiores, un albergue na antiga escola e cousas dese tipo, sen grandes monumentos nin proxectos.

Cales son os proxectos máis importantes que teñen programados para levar a cabo neste 2020?

          O máis importante é terminar algunha concentración parcelaria que hai en marcha, a residencia de maiores e miraremos algún proxectiño que dentro dun tempo poidamos facer. Pero temos dificultades económicas e de apoio institucional, así que a ver que pasa.

En que lle gustaría que cambiase o Concello ao final do seu mandato?

Gustaríame que en vez de mermar a poboación, aumentara. Que en vez de haber o 4% ou 5% de poboación menor de 30 anos, houbera o 30%. Que en vez de non ter ningún tipo de industrias nin postos de traballo dentro do Concello con carácter definitivo e demais, pois houbera 100 ou 200 postos. Hai moitas cousas que me gustaría, pero a realidade é que non vai ser posible. As políticas empregadas para todos os concellos do rural galego así como os medios políticos dende fai moitos anos son pasos para o esquecemento do medio rural. Se non se apostou nada por el e se non se apoiou, agora pasa o que pasa. Que nos quedou do rural galego a día de hoxe? Os maiores de 70 ou 80 anos. Xa sabemos cal é o futuro desa poboación: a necesidade de infraestruturas e coidado deles, pero o aporte cara a supervivencia e mellora non existe, porque é unha xeración que xa rematou. Non hai natalidade nin traballo, e aí está a cuestión do medio rural galego.