A hostalería deixará de pedir o certificado COVID

foto cedida
A hostalería deixará de pedir o certificado COVID
Desde as 00,00 horas deste sábado quedará sen efecto esta medida

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunicaron hoxe nun encontro con representantes da hostalería que tampouco será preciso o rexistro de usuarios e explicaron que se amplían os límites de comensais por mesa ata un máximo de 10 no interior e 20 no exterior

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro con representantes da hostalería para comunicarlles a decisión de retirar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais de hostalería, tras a reunión de onte do comité clínico.

Deste xeito, desde as 00,00 horas deste sábado quedará sen efecto esta medida que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizara ata esa data. Tamén se informou de que non será preciso continuar co rexistro de usuarios e que, en canto á limitación de comensais por mesa, se ampliará de 8 ata un máximo de 10 persoas no interior e pasará de 15 a 20 no exterior.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, engadiu a importancia de manter a obrigatoriedade do uso da máscara no interior dos locais salvo no momento do consumo e de seguir avanzando co sector nas medidas relacionadas coa ventilación.