O PSOE DE XINZO LAMENTA QUE O RESTO DOS CONCELLEIROS ESTEAN EN CONTRA DE DONAR AS DIETAS DOS ÚLTIMOS PLENOS A DOUS COLECTIVOS SOCIAIS

pleno dia 8 (4)
O PSOE DE XINZO LAMENTA QUE O RESTO DOS CONCELLEIROS ESTEAN EN CONTRA DE DONAR AS DIETAS DOS ÚLTIMOS PLENOS A DOUS COLECTIVOS SOCIAIS

A proposta dos socialistas que foi rexeitada polo grupo do PP e tamén polo resto de grupos non irá ao pleno do luns, primeiro de Cabas como alcalde

O PSOE de Xinzo prevé que no pleno que se celebra este vindeiro luns se vai poder comprobar a implicación real dos grupos da corporación coas necesidades dos colectivos sociais. Elvira Lama, voceira do grupo socialista en Xinzo, resume así a situación: “É lamentable a falta de sensibilidade de Manuel Cabas, novo alcalde e dos edís do PP así como do resto de grupos da corporación por non acordar como se pedía na nosa moción que se doasen as dietas dos dous últimos plenos aos colectivos sociais, Algaria e Limisi”.

En contra dos argumentos esgrimidos polos concelleiros e portavoces dos diferentes grupos do PP, BNG, Xinzo Adiante, e como se manifestou en comisión por parte da voceira socialista, “non é a primeira vez que se fai un donativo deste tipo a asociacións ou ONGs, lembro que nun anterior mandato, concretamente no ano 2009, xa se fixo unha doazón das dietas, para facer entrega do importe a un colectivo internacional, que fan un gran labor social e así quedou recollido no pleno de 28 de outubro de 2009”. Daquela a proposta do grupo socialista foi apoiada por unanimidade. Por iso non entenden a negativa desta corporación a actuar coa mesma xenerosidade e altruísmo, lembra a socialista que “desa mesma corporación no mandato 2007-2011 tamén formaban parte o que hoxe é alcalde, Manuel Cabas, quen xa se fora ao Grupo Mixto, e o agora voceiro do BNG que daquela era concelleiro, polo que deben ter moi mala memoria”.

Os socialistas cren que esta falta de acordo resulta penosa posto que se trata dunha moción que xa foi presentada coa mellor intención para axudar a dous colectivos que fan un gran traballo a prol da formación, integración e atención a persoas vulnerábeis e que están rexistrados como asociacións neste mesmo concello, motivo polo cal se fixo a proposta de acordo.

plenoouç (4)Elvira Lama lamenta a falta de sensibilidade e apoio con argumentos tan peregrinos como que “cadaquén pode facer o donativo a quen lle pareza oportuno”, ou “é unha proposta pechada”. Loxicamente é unha proposta dun grupo político, neste caso do PSdG-PSOE, que pode gustar máis ou menos, pero que, de ser o caso contrario, e os outros grupos presentasen unha proposta similar, nunca se atoparían co voto en contra dos e das concelleiros e concelleiras do PSOE.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE, pola súa banda, si que farán entrega das súas dietas integras, 1.200 euros, aos dous colectivos como figura na proposta da moción, e aínda que respecta as opinións do resto dos concelleiros da corporación ten que cualificar a súa postura política de rastreira. Desde o PSOE amosan esta gravidade porque, ademais, trátase de dous plenos evitables por ser debidos á elección do terceiro alcalde no que vai de mandato despois da renuncia do anterior, Manuel Casa, quen se marchou, abafado polas liortas do PP.

A portavoz do PSOE remata sinalando que: “O resto dos concelleiros teranlle que explicar a súa postura os membros dos dous colectivos”.