Os candidatos ás primarias de En Marea preséntanse en Ourense
O Limián Iván Olmos aspira a ser o nº 1 ao Congreso
A candidatura ás primarias de En Marea por Ourense, O mar non ten cancelas, presentouse en sociedade na mañá de hoxe no Campus Universitario da cidade. Na presentación estiveron presentes boa parte dos membros da lista proposta para o Senado e o Congreso dos Deputados.
A candidatura O mar non ten cancelas aspira a conseguir unha representación “digna e sen tutelas” no Congreso e no Senado para a provincia.
O candidato ao Congreso, Iván Olmos, incidiu na necesidade de que “Ourense teña, por fin, unha representación digna no Congreso dos Deputados” que traballe “con autonomía e sen tutelas”. Fixo fincapé na necesidade de “situar os problemas máis importantes da provincia no debate político estatal: o reto demográfico, a desprotección dos sectores produtivos e a falta de inversión en infraestruturas”.
O candidato ao Senado, Millán Brea, incidiu na necesidade de traballar para reverter o elevado índice de emigración xuvenil, así como o avellentamento que afecta ao conxunto do país e que ten especial incidencia na nosa provincia. “É momento de recuperar a ilusión. O Senado non pode ser o premio para a xente que leva anos en política, senón unha cámara activa ao servizo da cidadanía”, indicou.
Os candidatos sinalaron que estamos ante unha oportunidade histórica para poñer en valor as nosas potencialidades e mirarmos ao futuro con menos pesimismo. “Nos últimos anos, Ourense estivo orfa dunha representación con capacidade de traballo e non subordinada a intereses de partido”, afirmaron. “Debémoslle á sociedade ourensá que o espazo do cambio en Galicia estea presente nas institucións estatais e traballe arreo para loitar contra as desigualdades sociais, na protección do noso medio rural e do sector agrogandeiro e na defensa dun futuro laboral digno para a nosa mocidade”, concluíron.
En Marea anima a todas as persoas inscritas a pronunicarse e tomar parte activa no proceso de primarias que se desenvolverá a vindeira fin de semana. Dende o venres 8 ás 9:00 ata o domingo 10 de marzo ás 23:59 estarán abertas as votacións para o deseño das candidaturas coas que a formación concorrerá ás próximas eleccións xerais e europeas.