Lobios acolle a XXIII edición da Festa dos Callos Limiaos esta fin de semana
A Deputación de Ourense e o Concello de Lobios colaboran na celebración da XXIII edición da Festa dos Callos Limiaos, que se celebrará este domingo, 21 de agosto, nunha xornada que tamén inclúe a XIII Carretada de Lobios.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, reuniuse coa alcaldesa de Lobios, Maricarmen Yáñez, para repasar os detalles dunha festa que está organizada pola Asociación Cultural da Festa dos Callos e da Carretada.
César Fernández resalta o valor dunha festa que “reivindica a nosa cultura tradicional cunha coidada programación que mellora ano a ano”, destacando ademais o rol destes eventos como “axentes dinamizadores do territorio”.
Pola súa banda, Maricarmen Yáñez valora a importancia de recuperar a Festa dos Callos Limiaos despois do parón provocado polo covid, “unha xornada deseñada coma homenaxe para todos os emigrantes que pasan as súas vacacións en Lobios”.
A alcaldesa destaca o xantar popular “baseado neste prato tan típico da nosa zona, e que este ano estarán elaborados a través da receita do cociñeiro de Lobios Domingo González”. A rexedora tamén valora a celebración da feira de artesanía, a participación da banda de música de Lobios e a Carretada de Lobios, “unha proba singular: os participantes terán que tirar dun carro de vacas por parellas, para probar a súa forza física e destreza”.
Programación da XXIII Festa dos Callos Limiaos e a XIII Carretada de Lobios

Dentro da programación da xornada do domingo 21 de agosto en Lobios, a feira de artesanía arrancará as 11:30 horas e as 13:30 horas abrirá as portas o pavillón municipal para a degustación dos callos limiaos -elaborados con aceite de oliva virxe extra de Aceites Abril-, cun menú que abarca, por 12 euros, pastel de centolo, unha ración de callos con cazola de recordo, pan e arroz con leite.
O xantar estará amenizado pola banda de música de Lobios, previamente protagonista da alborada ás 12:00 horas.
A xornada tamén inclúe unha festa acuática na piscina municipal (a partir das 15:30 horas), ambientación musical da Charanga CLK e a XIII edición da Carretada de Lobios, con categoría infantil, xuvenil e senior.