Emilio González destaca as axudas do Goberno que recibe o concello de Sarreaus
O Goberno de España financia a través do IDAE, con máis de 250.000 euros a renovación do alumeado público en Sarreaus, reducindo o seu consumo eléctrico en máis dun 70%.
O Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazouse esta mañá ao Concello de Sarreaus. Alí mantivo un encontro co alcalde, Gumersindo Lamas, para supervisar os investimentos estatais neste municipio e coñecer as súas demandas e opinións.
Emilio González puxo Sarreaus como exemplo da aposta do Goberno polos pequenos concellos, “que están chamados a ser protagonistas da transformación de España cara un país verde, dixital, sostible e cohesionado, para acadar os obxectivos do reto demográfico”
Eficiencia do alumeado público
Na mesma liña de transición verde, o subdelegado incluíu a axuda concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación da Enerxía IDAE. Esta axuda ascendeu a máis de 250 mil euros e con ela o goberno local afrontou a mellora enerxética do alumeado municipal deste Concello.
A actuación, que se atopa neste momento na súa segunda fase, consiste na substitución de luminarias de tipo tradicional por luminarias tipo LED de maior rendemento e eficiencia, xunto coa susbtitución de cadros de mando.
Cobertura de internet de alta velocidade

Emilio González tamén avanzou o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e que tamén chegará a Sarreaus. Esta acción forma parte do Programa UNICO-Banda Ancha, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Detallou que o Programa UNICO-Banda Ancha facilitará a conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 106 núcleos de poboación, que cubrirán un total de 371 unidades inmobiliarias da cales 306 son vivendas, o que na práctica, supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades de 300Mbs.
Pacto de Estado contra a violencia de xénero
Seguindo coas axudas que recibe o Concello, Sarreaus está incorporado ao Sistemade Seguimento Integral de Vítimas de Violencia de Xénero do Ministerio do Interior polo cal recibiu 1.700 euros dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.