A Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Xinzo pídelle á Limia que se bote á rúa o vindeiro 10 de xullo
A manifestación sairá da Praza Carlos Casares ás 20 horas e agarda a participación dos alcaldes da comarca
REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @DendealimiaQue os veciños se boten á rúa para defender o xulgado na Limia. Iso é o que quere a Plataforma en defensa do Partido Xudicial de Xinzo que ven de convocar unha manifestación para o vindeiro 10 de xullo. A marcha popular sairá da Praza Carlos Casares ás 20 horas, así o decidiron os membros deste colectivo na súa última reunión celebrada onte.
Ademais, acordaron escribir unha carta aos once alcaldes da Limia para invitalos a integrarse na plataforma, así coma a participar activamente na manifestación. Unha marcha que será deseñada e organizada, tanto no seu aspecto publicitario coma no contido, o vindeiro 24 de xuño, na que será a próxima reunión da Plataforma.
Movemento provincial
Xunto coa Plataforma Xudicial de Verín, a limiá xa avalía a posibilidade de reunirse co resto dos colectivos que defenden os diferentes Partidos Xudiciais da provincia nas vindeiras semanas. Buscan coordinar ás distintas Plataformas e Colectivos de Ourense, co obxecto de confluír nunha grande mobilización provincial.