4.000 € a repartir no concurso de disfraces e carrozas

Desfile Infantil 2020
4.000 € a repartir no concurso de disfraces e carrozas
Recordase que o desfile de Entroido realizarase o martes pola mañá

O Entroido de Xinzo de Limia recupera neste ano 2023 a súa espectacularidade e chega con novidades que tratan de favorecer a participación da cidadanía. O desfile infantil será o día 17 de febreiro e contarase coa participación de todos os centros educativos do concello e doutros convidados de toda a comarca. Ademais, o martes de Entroido, 21 de febreiro, trasladarase o tradicional desfile ao horario de mañá, co fin de que poidan asistir o maior número de veciños, veciñas e visitantes e repartiranse 4.000 euros en premios.

Nas bases do Concurso de Disfraces e Carrozas do Desfile de Entroido 2023, que xa poden consultarse na páxina web do Concello de Xinzo de Limia, establécese que poderán participar todos os interesados e interesadas, sen límite de idade, establecéndose tres categorías de disfraces: individual, dúo/trío e comparsas, considerando esta última a agrupación dun mínimo de 8 persoas coa mesma temática. Haberá unha única categoría para carrozas.

O xurado deste certame, organizado pola Comisión do Entroido e o Concello de Xinzo, a través da concellería de Cultura, disporá dunha táboa para valorar aos participantes e premiarase a orixinalidade, creatividade e estética, ademais da posta en escena. Haberá tres premios para os mellores disfraces: 200 para o mellor individual, 400 euros para o gañador da categoría dúo/trío e 1.000 euros para a mellor comparsa. As tres carrozas elixidas recibirán 1.200, 800 e 400 euros ,en función do primeiro, segundo ou terceiro premio.

Os interesados en participar no concurso deberán cubrir un formulario no que se recollerán os datos necesarios e este documento estará dispoñible na páxina do Concello de Xinzo de Limia e na do Entroido de Xinzo. Este formulario deberá ser enviado ao correo electrónico comisionentroidoxinzo@gmail.com ou persoalmente na Biblioteca.

Durante case un mes, o Entroido sentirase en cada recuncho da vila. Despois da celebración dos Domingo Fareleiro e Oleiro, esta fin de semana será o momento do Corredoiro, cando as pantallas sairán ás rúas e volverá a demostrarse o sentimento co que se vive a celebración.