Comezan as actividades do 8Mprogramadas dende o CDR O Viso

WhatsApp Image 2023-03-01 at 10.01.03
Comezan as actividades do 8Mprogramadas dende o CDR O Viso
Cursos e concursos conforman a celebración

Bota a andar a proposta "#mullererural" do CDR O Viso para reivindicar aínda con máis forza ca no resto do ano o protagonismo das mulleres no ámbito dos pobos.

Esta iniciativa contén varios enfoques cun único obxectivo, aproveitar o Día das Mulleres para erguer un estandarte de orgullo pola muller rural.

Comezouse xa co alumnado de 4º de ESO no IES Lagoa de Antela co que se traballou nas novas masculinidades para unha convivencia en igualdade real. Continúa a proposta en tódalas escolas infantís e de primaria das zonas menos poboadas da Limia, no que porá o acento no recoñecemento ás mulleres rurais pioneiras, orgullo da comarca.

A actividade estrela é un concurso de fotografías baixo o lema que dá nome á campaña "#mullererural" no que calquera persoa pode participar sempre que o protagonismo da imaxe recaia na súa interpretación de muller rural. Haberá dous premios económicos de 100 e 60 en forma de bono para usar en establecementos da asociación de comerciantes e empresas ProLimia nunha sinerxia que busca poñer en valor ó comercio local tamén. Un premio será para a publicación que máis impacto consiga nas redes e o outro será outorgado por un xurado formado por unha persoa representante do CDR O Viso, outra de ProLimia e outra do ámbito artístico da zona.

A campaña é financiada integramente pola Consellería de Emprego e Igualdade con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Esta financiación é posible tras a concesión do Programa ELAS que o CDR O Viso executa da man da Asociación de entidades rurais Terra e Xente.