Sandiás vibrou coa música folk a carón da súa Torre

Grupo TOR, actuando en Sandiás
Sandiás vibrou coa música folk a carón da súa Torre
Unha magnífica noite con tradición musical galega en vivo na torre do Castro co grupoTor

Os veciños de Sandiás e os visitantes tiveron a pasada noite do venres 18 de Agosto o gran privilexio de gozar do concerto en directo de Tor á beira da Torre do Castro.

Xenerosas dúas horas de vivencia intensa por parte do público. A Torre do Castro, un escenario que, por outra banda, encaixa moi ben cun dos significados preferidos de TOR, nome de poucas letras asociado a unha formación rochosa acastelada, un outeiro fortificado. Un grupo que se lle nota que cre no que fai.

Máis dun centro de veciños e veciñas das distintas aldeas do concello e da contorna acudiron e gozaron do mesmo e en varias ocasións acompañaron con palmas as interpretacións musicais demostrando que valoran e aprecian o que este magnífico cuarteto investiga, interpreta e divulga no ámbito da tradición musical galega.

Neste privilexiado lugar, TOR interpretou arranxos varios sobre música galega. A maior parte dos temas seleccionados dos cancioneiros históricos galegos (Inzenga, Bal y Gay, Aires da Terra), dos que para o primeiro CD proveñen entre outros Repimpín, a Danza de Fonfría (Verín), o Alalá de Vilalba, ou o canto da Romería de Fisterra. Outra parte importante das melodías foron recollidas por Félix e Cástor Castro nos seus traballos de investigación na comarca da Limia nos últimos 30 anos: de Paco de Escornabois, da Música de Vilar ou o frauteiro Eduardo Rivas de Randín (Calvos de Randín), e doutros destacados gaiteiros da provincia de Ourense, como Faustino Luis Seoane do Canizo-A Gudiña, ou do emblemático recuperador da gaita e a zanfona galegas, Faustino Santalices.

foto 2b

Outra aportación destacable ao noso sonido foron os repertorios recollidos na Arxentina polo investigador Norberto Pablo Cirio, do que provén a marcha e muiñeiras de José Ramón Fernández, de Vilaquinte (Cervantes-Lugo), ou os valses dos Irmáns Moreira e o Conxunto Galicia. Tamén algún tema de compositores galegos, como as Alboradas e Golpe de Rodrigo A. De Santiago, e outros temas de composición propia do grupo, como a Muiñeira Coitada, Mazurca do Cachoupiño, Duruchas ou unha suite da BSO de “Luarada”, filme en produción sobre Manuel Blanco Romasanta o Lobishome de Esgos, dirixido por Oscar Doviso Zinemusik. E para completar, algunhas aportacións de músicas ibéricas como La Coronela (Fermoselle-Zamora), interpretada con ulna (frauta de tres furados feita co óso cúbito de voitre), ou o Fandango-Arin Arin vasco.

foto 4a

Entre as súas publicacións máis destacadas referidas a nosa comarca da Limia atópanse o Catálogo de músicos da Limia. Música Tradicional” e o libro –cd “Os sons da Limia”. No catálogo teñen unhas breves notas referidas a tradición gaiteria da aldea de Piñeira de Arcos nomeados como “Os Orneallo de Piñeira” conformados por tres familias cos alcumes de “Os Otero”, “Os Bombeiro” e “Os “Gaiteiro”. En definitiva, músicas repletas de historia.