A Deputación axuda a Calvos de Randín para a limpeza e reparación de fosas sépticas

Xunta de Goberno 220917
A Deputación axuda a Calvos de Randín para a limpeza e reparación de fosas sépticas

Limparanse e repararanse as fosas sépticas en Golpellás, Santiago de Rubiás e Castelaus.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá a resolución da segunda convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017, polo que concede un total de 18.150 euros en axudas a quince entidades para eventos de diferentes disciplinas deportivas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 22 de setembro.

Calvos de Randín incorpora ao plan provincial de obras unha axuda de 55.000 euros para limpeza e reparación de fosas sépticas.

Para continuar en materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense ADERCOU, para a redacción e posta en marcha do programa Leader 2014-2020.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017. Unha das modificacións afecta directamente a un municipio da comarca da Limia. Esta é a relativa ao Concello de Calvos de Randín que incorpora ao plan a obra "limpeza e reparación de fosas sépticas en Golpellás, Santiago de Rubiás e Castelaus" por importe de 55.000 euros, en substitución da obra "rehabilitación parcial casa reitoral-residencia".