XA SE COÑECEN AS 5 MEDIDAS ESTRELA DE CAMILO VILA

XA SE COÑECEN AS 5 MEDIDAS ESTRELA DE CAMILO VILA

O Bng de Xinzo presentou esta fin de semana as cinco medidas máis potentes do seu proxecto que veñen a dar resposta ás cinco ideas que quere para Xinzo: medrar, traballar, vivir, coidar e desfrutar en Xinzo.

Cinco ambiciosas pero realistas ideas son as que comezou a presentar o equipo liderado por Camilo Vila á veciñanza de Xinzo. Escolleron a Feira das Mozas para sacalas á luz por “representar o Xinzo que queremos, unido, sabendo de onde vén e cara onde vai” explica Manuel Pozo, figura de confianza de Vila.

O coñecido enxeñeiro de Pidre agradece a colaboración dos axentes sociais que permitiron identificar as necesidades e así poder construír as medidas. “Estou moi orgulloso da axuda que nos prestaron as Anpas dos centros educativos, grazas a iso teremos o servizo “Familias365” para conciliar e orientar ás familias, nenos e nenas.”

Malia o semellante dos programas electorais dos diferentes partidos, o Bng de Xinzo desmárcase da idea da grande residencia urbana e aposta por un modelo de rede de Vivendas Comunitarias públicas situadas en núcleos rurais e con capacidade máxima de 12 prazas para que a xente “manteña o seu estilo de vida ata que o desexe”, asegura Manuel Pozo.

Presentación das 5 medidas na Feira das Mozas
Presentación das 5 medidas na Feira das Mozas

Á xa coñecida Oficina das Casas, o Bng de Xinzo súmalle a creación dunha empresa de bolsas reutilizables a partir de fécula de pataca para a que xa iniciou os contactos con empresas coma a francesa Sphere.

Finalmente, o Bng quere incentivar o comercio local con axudas de ata 500€ para a compra de bicicletas en Xinzo, convencidos de que, en palabras de Pozo “un concello case plano e unha historia ligada á bicicleta debe ser máis ca motivo de orgullo, debe ser o futuro”.