Estado de alarma. Día dezanove
Creo que teño que confesar a miña culpa. Síntome culpable de indución á curiosidade, malia que sexa de xeito indirecto. Isto, contado así, é difícil de entender, por iso vou ter que explicalo. Os que seguen estes artigos, lembrarán que nalgún deles falei de James Stewart e o seu papel no filme A fiestra indiscreta. A miña dona, a que lle estou eternamente agradecido por aturarme que lle pida que lea estes artigos, antes de envialos ó xornal para a súa publicación, ven de converterse na miña cómplice na teima esta de observar á parella do edificio fronte ó noso. Poño a man no lume por ela de que non o fai á mantenta, senón cando sae un pouco ó balcón. Certo que a min convenme, porque ó estar traballando de novo fóra da casa, apenas teño ocasión de ver os veciños. Foi así como deduciu que no piso non vive só o matrimonio, senón tamén esoutra muller da que xa falei aquí días atrás e que estaba coa señora do anorak mostaza. Chegamos a conclusión de que debe ser de pouco pasear e por iso non sae tanto á terraza.
Pola miña dona souben tamén hoxe do complexo que lle resultou ir á compra: unha hora agardando na cola da peixaría do supermercado, sobre todo porque unha muller case que arramplou con todo o xénero. Como tiña aínda un home diante dela, case que ó final volta para casa sen peixe. Outra odisea seica foi o intre de pagar. Claro, aquí xa inflúe a falla de consideración e respecto dalgunhas persoas para coas outras. Como esa de pasar a pagar co carro ateigado ata os topes por unha caixa reservada a pago automático ou caixa rápida.
Nestas cousas referentes ó respecto ós demais, eu observei dúas. Unha, o botar ó chan as luvas de látex logo de usalas. E outra, quitar a mascarilla e deixala no primeiro lugar que che acorde, como por exemplo a pequena árbore que temos na entrada de garaxe no noso edificio. Por iso, apelo á responsabilidade de todos e cada un de nós, para que non se fagan estas cousas, sempre pensando na saúde propia e na allea. Non me estraña, como me contou tamén a miña dona, que a policía parase na rúa a unha parella que volvía da compra. Logo das explicacións pertinentes, deixárona marchar, iso si, indicándolles que gardasen a preceptiva distancia entre eles.
Inda que, en temas de distancia, o que me contaron uns compañeiros sobre unha parella que foi multada por saltarse o estado de alarma. Os gardas atopáronos practicando sexo dentro do coche. Ou esoutra noticia, dun home afectado de coronavirus que se fugou dun hospital de Madrid para ires a Málaga, onde foi detido. A verdade é que este confinamento está deixando cousas incribles. Como o das luces de Nadal no edificio veciño, que só as deben acender ós poucos, pois xa me comentou a miña dona que hoxe non as prenderon.
Eu non sei se cando ela lea este artigo le gustará ou non. O que si sei, é que llo debo e que lle estou agradecido, como James Stewart a Grace Kelly na película.
Rafael Laso Lorenzo