As fincas de Sandiás serán un apoio para o proxecto de produción de alimentos sostibles
As fincas de cultivo propiedades da administración provincial en Sandiás serán un apoio para o proxecto dun ecosistema de produción de alimentos sostibles, con base na vella estación de tren de Cantoña, en Paderne de Allariz.
A través do Inorde, presentouse á convocatoria estatal de subvencións para o financiamento de proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento. Esta fase do proxecto sumaría unha inversión de medio millón de euros -450.000 euros serían subvencionados- e abarca un cronograma de tres anos.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse onte coa xerente do Inorde, Emma González, para repasar os detalles dun “iniciativa completamente estratéxica”, e que xa recibiu por parte do goberno provincial unha achega de 250.000 euros para rehabilitar a antiga estación de ferrocarril, que se converterá nun centro colaborativo de transformación de produtos co foco posto nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia e Terra de Caldelas.
Manuel Baltar incide na importancia dun proxecto que busca desenvolver un “ecosistema de intelixencia e innovación territorial mediante a creación de redes entre produtores, consumidores e outros oficios existentes ou por crear no territorio, que contribúa a xerar instrumentos eficaces na loita contra o despoboamento”.
Todo apoiado en dúas actuacións fundamentais: o programa de emprendemento agrícola e a creación do espazo colaborativo de transformación de produtos.
Tamén destaca as repercusións desta iniciativa, que “busca dinamizar estas comarcas, xerando oportunidades tanto a veciños interesados no emprendemento agrícola e que non teñen terreos como a persoas que busquen unha segunda actividade para elevar o seu nivel de renda”.
O proxecto suma unha perspectiva de xénero, prestando especial atención á participación das mulleres.
En función dos resultados do proxecto, aplicarase o modelo, aplicado ás necesidades específicas, noutras comarcas da provincia de Ourense.
Obxectivos específicos deste proxecto
Este proxecto de creación dun ecosistema de produción de alimentos sostibles apoiase en tres liñas principais de actuación.
Para comezar, iniciarase un programa de emprendemento agrícola, para o que se destinarán leiras de cultivo das que é titular a Deputación, favorecendo que persoas sen acceso a terras -como mozos ou poboación inmigrante- entren nunha agricultura sostible.
Outra actuación clave será a creación do mencionado centro colaborativo de transformación de produtos do sector primario na antiga estación de tren de Paderne de Allariz -mantida polo Inorde dentro do convenio con ADIF-. Unha infraestrutura que permitirá aos agricultores e pequenos produtores transformar os seus produtos agrícolas, incidindo na incorporación de mozas e mulleres no proceso.
Ademais, realizarase unha prospección para identificar as liñas de produción e transformación óptimas do centro colaborativo que respondan as necesidades dos produtores, dotándoas do equipamento e tecnoloxía adecuada para desenrolar actividades de transformación en produtos sostibles e innovadores -como, por exemplo, unha liña de produtos apícolas de alto valor engadido ou unha liña de pratos elaborados- que será resultado dun proceso participativo.
É un proxecto tractor
Como destacan desde o Inorde, este é un proxecto tractor “que pretende ser catalizador da evolución dunha aposta pola innovación e a sustentabilidade nos procesos agrícolas nunha provincia que precisa de ferramentas que nos permitan fixar poboación no rural”.
A iniciativa buscará sinerxías coa produción das “aldeas modelo” promovidas pola Consellería de Medio Rural e está encaixada dentro da “Estratexia de Desenvolvemento Socioeconómico da Provincia de Ourense en base a producións de alto valor engadido para circuítos comerciais de proximidade”. A creación deste ecosistema persegue, explican no Inorde, “a reactivación económica e o fomento da biodiversidade especialmente no territorio da Limia, marcado pola produción en intensivo de pataca e cereal”.