Bande quere revalorizar a zona termal de Portoquintela
O Concello de Bande convoca un concurso de proxectos para a revalorización da súa zona termal.
O Concello de Bande conta cun recurso termal único situado na marxe do encoro das Conchas nunha zona de especial beleza e singular interese turístico, dentro do complexo arqueolóxico de Aquis Querquennis e próximo á igrexa visigótica de Santa Comba.
Con data 4 de agosto deste ano publicouse no DOGA a resolución da declaración da condición mineiromedicinal e termal destas augas.
Trátase de augas minerais hipertermais, cunha temperatura media de 45°C, característica física fundamental que, xunto aos seus elementos mineralizantes, determina as súas indicacións terapéuticas.

O Concello de Bande, en colaboración mediante convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia e co apoio económico da Deputación de Ourense, está a convocar un concurso de proxectos, a nivel de anteproxecto, coa finalidade de acadar a mellor proposta arquitectónica para a construción dun centro termal de nova planta e a posta en valor e aproveitamento da zona destas augas mineromedicinais e termais.
A presente iniciativa é un concurso de proxectos de arquitectura que ten como finalidade a selección das mellores propostas de entre as que se determinarán as premiadas e a gañadora, á que se poderá adxudicar o correspondente contrato de servizos nos termos indicados no procedemento negociado posterior.
Con este concurso de ideas preténdese lograr unha profunda reflexión sobre a mellor proposta arquitectónica e de ordenación do seu entorno, segundo o programa de necesidades que se expoña, así como a relación desta intervención coa contorna natural circundante, premiando as mellores actuacións que con criterios programáticos, estratéxicos, de eficacia, ambientais e de mellor sustentabilidade, fagan unha proposta modélica adaptándose ás maiores esixencias e sensibilidades medioambientais do noso tempo.
O xurado poderá acordar a mención de cantos proxectos considere merecedores de tal distinción sen contía económica.
A información do concurso está publicada no perfil do contratante do Concello de Bande aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público, na sede electrónica do Concello de Bande https://concellobande.sedelectronica.gal/info.0 para os efectos da debida publicidade oficial, así como na páxina web do COAG: http://portal.coag.es para os efectos da súa maior difusión.
O Concello de Bande ten previsto organizar unha visita guiada ao ámbito de actuación, o que se comunicará a través dos medios indicados anteriormente, para coñecer a problemática existente, así como os posibles condicionantes e valores a conservar e potenciar.
O prazo de presentación da documentación para participar no concurso remata o 24 de outubro de 2022.