A indignación crece entre os pais tras quedar cunha única enfermeira en pediatría

centro saude xinzo 2
A indignación crece entre os pais tras quedar cunha única enfermeira en pediatría

Reuníronse con técnicos do Sergas para achegarlle as súas demandas

Pais e nais acudiron á Casa da Cultura de Xinzo para reunirse con dous técnicos do Sergas. O motivo da xuntanza era explicar a razón pola cal o centro de saúde queda a partir do mércores con só unha enfermeira en pediatría. Dende o Sergas sinalan que se debe a un proceso de "reorganización", en tanto que a profesional médica sae de pediatría para asistencia adulta, pois sinalan que o servizo precisaba reforzos. Deste xeito os arredor de 1700 nenos da comarca serán atendidos por unha enfermeira cunha media de 17 pacientes por día. As técnicas apuntaron que en centros de saúde como o de Carballiño, están seguindo esta medida e non se teñen presentado complicacións. Apuntan que si pasados uns meses, esta decisión non trae resultados positivos, comprométense a mudar o sistema.

Os pais e as nais non o ven así e consideran que si a sala de pediatría xa tiña ata agora moita afluencia de pacientes, con este cambio vaise baixar a calidade asistencial dos seus fillos. Moitos aproveitaron a xuntanza para facer chegar as súas demandas como o feito de ter que esperar mes e medio para que un cativo poida facer unha analítica ou mesmo ver como logo de semanas de espera se anulan citas para facer unha análise. Tamén manifestaron que os controis de verán non se fan e en moitos casos teñen que pedir cita con meses de antelación para que estes se fagan no día que corresponde. O que máis lles preocupa ós proxenitores é o tempo que lle poida dedicar agora a única enfermeira a tratar e diagnosticar ós pequenos.

As profesionais do Sergas trataron de tranquilizar ós pais informándolles que no caso da xente que é doutros pobos, teñen a posibilidade de ter dúas enfermeiras, a de pediatría de Xinzo e a do centro de saúde do seu concello. Pero isto aínda incrementou máis o enfado dos asistentes pois, na súa maioría, apuntaron que as enfermeiras dos centros de saúde dos seus pobos non atenden ós cativos.

Outra das reclamacións dos pais foi o feito de que moitos nenos sexan derivados a Ourense para facer analíticas. Os técnicos do Sergas dixeron descoñecer este e outros datos que hoxe lles foron trasladados, e comprometéronse a atender estas neglixencias e esixir cambios de actitude de traballo dos profesionais da saúde.Así mesmo animaron ós pais a que recollan por escrito todos estes problemas de asistencia médica ,aínda que a maioría manifestou telo feito e que as súas demandas nunca foron atendidas.

Con todo ó remate da reunión, os pais e nais marchaban indignados e cansos e moitos deles repetían a frase "marchamos como viñemos".