150.000 € para o cemiterio de Trasmiras
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, asinaron un convenio de colaboración destinado á cofinanciación deste proxecto
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, asinaron no Pazo Provincial un convenio de colaboración para a construcción do novo cemiterio parroquial de Vilaseca. O goberno provincial achegará este ano 150.000 euros a un proxecto que prevé iniciar a súa construcción nos vindeiros meses cun orzamento inicial duns 200.000 euros.

Manuel Baltar valora este acordo como “un exemplo máis do beneficiosa que resulta a cooperación entre as administracións, permitindo levar a cabo todos aqueles proxectos que os concellos desexan e que serven para mellorar o benestar dos veciños da provincia”. “Esta Deputación sempre traballará a carón dos concellos para coñecer a súa situación e colaborar en todo aquilo que redunde no seu propio desenvolvemento”, remarca o presidente provincial.
Pola súa banda, o rexedor de Trasmiras destaca a importancia do compromiso de financiación por parte da Deputación e sitúa esta actuación como “absolutamente fundamental”, xa que o actual composanto da parroquia, completo, non ten posibilidade de ampliación.
Despois dun “longo procedemento administrativo”, o equipo de goberno está nestes momentos pendente da autorización da Confederación Hidrográfica Miño - Sil para levar a pleno o plan parcial e posteriormente trasladalo á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. A continuación, explica o rexedor, será o momento da realización do plan de execución e a adxudicación da obra, que prevé o seu comezo no segundo semestre do ano co respaldo económico da Deputación de Ourense.