Estrea nacional do último espectáculo de Sarabela Teatro: “Made in Galiza”
“Made in Galiza”, de Sechu Sende, representarase os días 21, 22 e 23 de setembro, e está patrocinada pola Deputación e pola AGADIC
Foi presentada una das obras máis salientables da programación semestral do Teatro Principal: a estrea nacional do último espectáculo de Sarabela Teatro, titulada “Made in Galiza”, escrita por Sechu Sende, que conta co patrocinio da Deputación e da AGADIC.
“Made in Galiza”, destinada a público adulto, representarase no Teatro Principal os días 21, 22 e 23 de setembro, tal e como se anunciou na presentación desta mañá, na que participou o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; a directora da obra, Fina Calleja; o director de Dramaturxia da compañía, Fernando Dacosta: e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, quen avanzou que con esta estrea dase comezo á nova tempada do Teatro Principal.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández, proclamou na presentación de “Made in Galiza” que “a lingua é un tesouro que debemos coidar e preservar entre todos, e hai que usala, vivila e disfrutala. É fundamental defender o noso, a nosa identidade. Por iso, obras como esta axudan a remover conciencias”.
A directora da obra, Fina Calleja, explicou que esta autoprodución de Sarabela Teatro, basada no libro de Sechu Sende, “é combativa, chea de ilusión, alegre e con retranca. Un mosaico de contos que nos van ensinar moito desde a óptica de dous avós, cun enfoque claro cara os máis novos, que son os que máis están a abandoar o uso do galego”.
Sinopse
Esta obra transita por momentos recoñecibles no día a día e combina temas de sociolingüística con maneiras de vivir e pensar amables e xenerosas ás que chegar mediante o lúdico e o divertido. A obra de Sende abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. En “Made in Galiza” podemos atopar un mosaico de lugares tan diversos como unha oficina de palabras perdidas, unha empresa que fabrica palabras, un manual de instrucións, unha palabra común. Tamén grupos de personaxes moi diferentes: un ladrón de palabras, mozos namorados, homes e mulleres desorientados ou unha vendedora de palabras.