O Concello de Xinzo ofrece ferramentas aos alumnos dos institutos da vila para identificar os casos de violencia de xénero

xornadas violencia
O Concello de Xinzo ofrece ferramentas aos alumnos dos institutos da vila para identificar os casos de violencia de xénero

O obxectivo da iniciativa é dar a coñecer os recursos que existen ao dispor das vítimas ou das persoas coñecedoras destes casos

Nos institutos de Xinzo de Limia aprendéronse esta semana valiosas leccións máis aló dos libros. O Concello, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, está a levar a cabo unha campaña de prevención da violencia de xénero que onte se dirixiu aos alumnos do IES Lagoa de Antela e hoxe aos do IES Cidade de Antioquía. Que os máis novos saiban identificar este tipo de situacións é o obxectivo desta iniciativa, que leva por título “Educando dende a igualdade de xénero” e que se está a desenvolver nos centros escolares ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

IES

Máis en concreto, trátase dunhas charlas-coloquio que, impartidas polo coordinador do CIM en Xinzo, José Luis Saborido, dan a coñecer aos estudantes os recursos e ferramentas que existen ao dispor das mulleres que sofren violencia de xénero ou daquelas persoas que sexan coñecedoras doutras que estean pasando por esta situación. Tamén ensinan a distinguir os distintos tipos de violencia: física, psicolóxica, económica, sexual e na escola.

A alcaldesa, Elvira Lama, presentou as charlas e insistiu en que “só dende a igualdade poderemos erradicar esta lacra social”. Ademais, dirixiuse aos mozos e mozas para pedirlles que estivesen alerta ante posibles situacións de violencia de xénero.

O Concello de Xinzo de Limia adiantou os actos en contra da violencia de xénero ao pasado fin de semana, cando unha andaina organizada polo GDR Limia-Arnoia mobilizou a un cento de persoas. Está previsto que o 25N, o propio día que se conmemora a loita contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, teña lugar unha concentración na praza Maior, onde estará instalada unha carpa.